Rematan as obras de mellora da estrada de Calde e comeza unha actuación no Veral
A unidade de Medio Rural da área de Cohesión Social e Territorial vén de rematar a obra de acondicionamento e mellora da estrada municipal da parroquia de Calde e de xeito inmediato comezará outra nova intervención, no paso sobre o Rego de Pías, no cruzamento coa estrada local que comunica a igrexa da parroquia de Veral coa de Orbazai. Trátase de dúas actuacións importantes, canalizadas a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, que segundo explica a concelleira responsable desta área, Ana González Abelleira, “suporá un gran avance nas comunicacións entre parroquias, entres estas e os núcleos urbanos e tamén unha mellora no que respecta á seguridade viaria, tanto do tráfico rodado como do peonil”. Entre ámbalas dúas actuacións se inviste preto de 100.000 euros, “para seguir mellorando as prestacións e os servizos das parroquias rurais do noso municipio”, sinala González Abelleira.
A obra de Calde, cun orzamento de máis de 40.000 euros, consistiu na pavimentación dunha vía e dun ramal no citado núcleo rural, que presentaba un mal estado de conservación. Para reverter o seu estado actual se actuou nunha lonxitude de 520 metros no camiño principal e noutros 40 metros do ramal, que non estaban pavimentados de formigón. A mellora da pavimentación consistiu nun estendido de mestura asfáltica en quente de 5 centímetros de espesor, incluíndo un 20 por cento de regularización previa coa mesma mestura, o que sen dúbida cambiou radicalmente a rega asfáltica que estaba moi deteriorada.
Ademais, a intervención tamén incluíu a limpeza de cunetas e a colocación de dúas sinais de STOP, contribuíndo así á mellora da seguridade viaria, dotando á vía dun asfalto e pavimentación adecuadas, mellorando a súa visibilidade e tamén a sinalización vertical da estrada.
Unha vez rematada esta obra, esta mesma semana deron comezo os traballos na parroquia do Veral. A intervención prevista neste núcleo rural, cun investimento de máis de 35.000 euros, servirá para acometer a substitución dunha obra de paso no Rego de Pías ao seu paso pola parroquia de San Vicente do Veral.
Neste sentido, a concelleira Ana González Abelleira sinalou que “a intervención para esta zona consistirá na demolición do pavimento atinxido pola obra de paso, así como na escavación e colocación do novo tubo, cun diámetro 1.800 milímetros e o posterior recheo do mesmo, coa colocación de aletas de pedra granítica e a reposición da calzada mediante un firme de 20 centímetros de zahorra”. Está previsto que esta actuación estea rematada no vindeiro mes de marzo.
Ademais, posteriormente se procederá á pavimentación con tripla rega asfáltica, uns traballos que consisten na aplicación de un ou varios regos de emulsión asfáltica sobre a superficie a tratar, seguida de material pétreo triturado e do súa posterior fixación co paso dunha máquina compactadora. Deste xeito, se consigue unha maior durabilidade do asfalto, unha maior adherencia e, polo tanto, máis seguridade.