Rematan as obras de renovación eléctrica no Pavillón Municipal dos Deportes
O Pavillón Municipal dos Deportes vén de incrementar a súa eficiencia enerxética tralo remate dos traballos de renovación eléctrica, promovidos polo Goberno de Lara Méndez e para os que o executivo municipal destinou un investimento de 135.513 euros.
“Queremos seguir avanzando no noso modelo de cidade e iso implica apostar por actuacións que supoñan un aforro enerxético e de emisións contaminantes, como as que se levaron a cabo nestas instalacións deportivas”, lembrou Méndez.
Estas obras, ao igual que as que se executaron no Pombal (onde os proxectores existentes foron substituídos por outros novos de tipo led), enmárcanse na estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada ao 80% polo FEDER, dentro do obxectivo temático 4, que busca favorecer a transición cara unha economía baixa en carbono.
Precisamente, co fin de mellorar a eficiencia da iluminación do pavillón da rúa Santiago, que estaba constituído na súa maioría por lámpadas obsoletas e de elevado consumo enerxético, levouse a cabo a substitución das mesmas por outras de tecnoloxía led, adecuadas a cada espazo iluminado.
Corrixiuse, así mesmo, o ángulo exposto da iluminación, pois a existente creaba sombras, de forma que se recolocaron, alén, os proxectores de pista co fin de conseguir unha cobertura homoxénea. Respectáronse, por outra banda, as liñas de aceso e os xogos de luz que permiten realizar as luminarias actuais ao tempo que se substituíu toda a iluminación exterior por lámpadas de tecnoloxía led, incluíndo as letras corpóreas da fachada do edificio.