Rematan as obras de restauración do paseo do Rato tras os danos da borrasca Olivier

LugoXa
A Deputación de Lugo investiu 175.286 euros para reparar camiños, pontes e valados e recuperar este espazo natural de gran valor para a cidade
melloras-obras-paseo-río-Rato-Lugo-institucións
9 Dec 2025

Remataron as obras de restauración do paseo do Rato e da súa contorna, gravemente afectados en abril pola borrasca Olivier. A Deputación de Lugo destinou 175.286,07 euros do seu fondo de continxencia á reparación deste espazo natural.

Concretamente, a Deputación empregou 1.429 metros cúbicos de xabre e 205 metros cúbicos de cachote para restaurar a estabilidade estrutural dos camiños. Repuxeronse cinco pasarelas de madeira, varandas e valados danados pola corrente, un tramo de senda pivotada na conexión coa Tolda de Castela e un banco de madeira. A riada levou consigo 44 metros de estruturas da valla de diferentes características, que foron repostas para garantir a seguridade das persoas usuarias do paseo. Ademais, aplicáronse técnicas de bioenxeñería sobre 87,5 metros cadrados do paseo e 66 metros de escollera.

“Actuamos coa máxima dilixencia e responsabilidade porque sabemos que este é un espazo público de grande valor ambiental, educativo e social para a cidadanía de Lugo, e creo que o resultado é moi satisfactorio”, valorou o mandatario provincial, José Tomé.

Lembrou que TRAGSA, empresa pública e medio propio da Deputación, foi a encargada dos traballos, escollida pola súa experiencia neste tipo de intervencións e pola urxencia da actuación. A institución actuou con celeridade, encargando un informe técnico ao servizo de Medio Ambiente para avaliar os danos, definir as actuacións prioritarias e solicitar os permisos necesarios á Confederación Hidrográfica.

Xunto a Tomé Roca, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e o deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, comprobaron os traballos, que incluíron o arranxo das marxes do río, a construción de diques, recheo e adecuación dos paseos e a reposición de pontes e pasarelas de madeira. Fernández Méndez agradeceu ao presidente “a implicación e dilixencia coa que o ente provincial actuou” no Rato e destacou que a Deputación realizou esta intervención “en tempo récord”, demostrando o valor da colaboración institucional cando se actúa con responsabilidade e sentido de cidade.

O alcalde salientou ademais que o Rato, xunto co Miño, forman parte dunha ampla rede de espazos verdes urbanos e periurbanos “que converten Lugo nunha cidade privilexiada” e que “defender, mellorar e ampliar estes corredores naturais é unha das liñas estratéxicas do noso modelo de cidade”.

⚙ Configurar cookies
0.082552909851074