Rematan esta semana as residencias artísticas do ciclo 'Atopémonos Bailando' en Lugo

LugoXa
O programa permite a emerxencia de novos talentos e promove o diálogo entre artistas e veciñanza
residencia-artística-Atopémonos-Bailando-Lugo
3 Nov 2025

O ciclo de residencias artísticas 'Atopémonos Bailando', patrocinado pola área de Cultura do Concello de Lugo en colaboración co Colectivo Glovo, rematará esta semana coa presentación dos traballos de tres propostas. Maite Ferreiro destacou que o programa “permite que moitas e moitos artistas emerxentes desenvolvan os seus proxectos en Lugo, descubrindo espazos como o MIHL ou o Vello Cárcere”.

Esta semana, os artistas Jessica Castellón e Boris Orihuela co seu espectáculo “ni fu ni fa”, Jandross con “A noite do Cuco” e o colectivo iXa con “52-Blau” ofrecerán mostras abertas no MIHL. As actuacións de Castellón, Orihuela e Jandross serán o mércores 5, mentres que iXa actuará o venres 7, todas a partir das 18 horas. As entradas son gratuítas e poden reservarse no teléfono 604 002 295.

Ferreiro subliñou que as Residencias Atopémonos Bailando constitúen “un importante apoio ao sector das artes do movemento, incidindo na primeira fase de investigación e creación de espectáculos, e ofrecendo tamén canles de diálogo coa veciñanza”. Este programa enmárcase na estratexia municipal de apoio ás artes do movemento, en consonancia con iniciativas como o Festival Cartografía en Movemento ou o Ciclo LED – Lugo En Danza.

⚙ Configurar cookies
0.062795877456665