Rematan os traballos de acondicionamento do río Rato e o paseo da Chanca

LugoXa
A Deputación de Lugo vén de rematar a posta a punto da ruta do Río Rato e do Paseo da Chanca, nun tramo total de 4,5 quilómetros, que comprende ata a rotonda do Sagrado Corazón.
paseo da chanca rio rato
10 Sep 2023

A Deputación de Lugo vén de rematar a posta a punto da ruta do Río Rato e do Paseo da Chanca, nun tramo total de 4,5 quilómetros, que comprende ata a rotonda do Sagrado Corazón. Os traballos consistiron no acondicionamento e na sinalización deste espazo verde e de lecer.

Concretamente, leváronse a cabo diferentes accións destinadas á conservación dos diferentes elementos presentes na ruta, como a limpeza dos 25 bancos de dito treito e a posterior aplicación dun produto protector da madeira; a substitución de 20 papeleiras danadas por outras novas de madeira tratada; ou a limpeza e reparación de 5 paneis informativos. Tamén se instalaron un total de 10 fitos quilométricos cada 500 metros na marxe dos camiños; uns elementos que son de madeira tratada, serigrafiada. Sinaláronse ademais 2 pasos de peóns, nos cruzamentos do itinerario peonil co carril bici, con marcas reflexivas brancas.

Agrotecnia foi a empresa encargada dos traballos, aos que a Deputación destinou máis de 17.000€.

Esta iniciativa forma parte das diferentes accións que a institución provincial levou a cabo recentemente para a posta en valor de este espazo público de lecer e deportivo, situado en plena Reserva da Biosfera Terras do Miño, e que é tan importante para a veciñanza de Lugo. En concreto, a Deputación investiu este ano 150.000€ na mellora da estrada provincial do Rato, a LU-P-2925, no tramo que vai desde o inicio ata o punto quilométrico 3,079, que se suman aos 500.000€ para a creación de 2,5 quilómetros de carril bici.

Ademais, coa colaboración do Concello, a Deputación dotou tamén ao paseo e á estrada dun sistema de iluminación grazas a un investimento conxunto de 750.000€. Unha actuación que consistiu na instalación de 283 puntos LED entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1796669960022