Rematan os traballos de mellora estética na contorna da Muralla de Lugo

LugoXa
Esta intervención centrouse na eliminación dos elementos de protección perimetral que se instalaran durante as escavacións arqueolóxicas realizadas na área
valado-Muralla-de-Lugo-Xunta
11 Feb 2025

Os traballos de mellora estética na contorna da Muralla de Lugo, na zona do Carril dos Fornos, no barrio da Tinería, veñen de ser rematados.

Esta intervención, acometida pola Xunta, centrouse na eliminación dos elementos de protección perimetral que se instalaran durante as escavacións arqueolóxicas realizadas na área. Estes elementos causaban un impacto visual negativo sobre o Monumento.

O delegado territorial, Javier Arias, comprobou os resultados da intervención, destacando o “importante cambio estético” que experimentou a zona, especialmente trala retirada do valado de chapa galvanizada que delimitaba o perímetro do terreo escavado.

Este valado foi substituído por unha varanda de madeira “máis acorde co espazo e sen tanto impacto visual”, destacou Arias.

Ademais, tamén se eliminou o peche de táboas de madeira que estaba situado xunto ao adarve, na parcela próxima ao aparcamento do hospital Quirón.

Neste espazo, colocouse unha nova varanda metálica, cun acabado en pintura efecto forxa e de cor negra, que resulta máis baixa e permeable.

O delegado explicou que este deseño é similar ao das varandas empregadas en outras intervencións previas realizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na Muralla.

Arias subliñou que, a pesar de ser unha actuación aparentemente pequena, resulta de gran importancia tanto para os visitantes como para os veciños de Lugo, que agora poden disfrutar dunha mellor vista da Muralla sen o impacto visual das anteriores estruturas.

Finalmente, o delegado lembrou que estas medidas son provisionais, á espera de que o desenvolvemento urbanístico da unidade de intervención UI7 permita determinar o uso definitivo do espazo.

0.15386891365051