Rematan os traballos de renovación do pavimento no Parque Rosalía de Castro de Lugo

O Concello de Lugo informou de que a área de Transición Ecolóxica completou os traballos de renovación do pavimento no Parque Rosalía de Castro, un dos espazos verdes máis emblemáticos e apreciados pola veciñanza. Esta intervención forma parte das melloras impulsadas polo Goberno local co obxectivo de poñer en valor o parque ante a súa futura consideración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Os traballos centraronse na nivelación do terreo e na reposición do firme mediante unha capa de grava similar á existente, respectando a estética orixinal do parque e mantendo o seu carácter tradicional e a integración co contorno. A nivelación correxiu irregularidades e mellorou a accesibilidade dos camiños, mentres que a renovación do pavimento proporciona maior confort e durabilidade para as persoas usuarias.
Con esta actuación búscase non só optimizar a imaxe do parque, senón tamén favorecer paseos máis seguros e cómodos nun espazo natural de elevado valor ambiental e patrimonial.
O Parque Rosalía de Castro é un dos principais pulmóns verdes da cidade e conta cunha grande relevancia histórica. Destaca polas súas amplas zonas axardinadas, a diversidade da súa flora e a presenza de árbores de gran porte e antigüidade, ademais de elementos arquitectónicos e paisaxísticos que reflicten diferentes etapas da súa evolución, o que o converte nun lugar de especial interese cultural e turístico.
O alcalde, Miguel Fernández, valorou positivamente a finalización destes traballos, indicando que “seguimos avanzando na recuperación e mellora dun dos espazos máis representativos da nosa cidade. Esta actuación demostra o noso compromiso coa conservación do patrimonio natural e coa calidade de vida da veciñanza”. Ademais, subliñou que “a futura declaración como Ben de Interese Cultural reforzará a protección do parque e permitirá seguir impulsando actuacións respectuosas coa súa historia e identidade”.
O Goberno local continuará con novas intervencións nos próximos meses. Tras a rehabilitación da columna danada e a conservación da flora e arborado, proxéctase unha actuación integral sobre o muro perimetral, que será adecentado e pintado para mellorar a súa integración visual.
Estas actuacións forman parte dunha estratexia global de mellora e conservación que pretende consolidar o Parque Rosalía de Castro como un referente histórico, natural e social na cidade.