Rematou o programa integrado de emprego promovido polo Concello de Palas de Rei

LugoXa | SarriaXa
A Xunta entrega os diplomas aos 20 participantes no obradoiro de emprego de Palas de Rei, Portomaín e Monterroso.
21 Dec 2023

Rematou o programa integrado de emprego promovido no último ano polo concello de Palas de Rei en colaboración cos de Monterroso, Portomarín, Antas de Ulla, Guntín, O Páramo e Melide. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 250.000 euros nesta iniciativa.

Ademais anunciouse a posta en marcha dunha nova edición financiada pola Administración autonómica con 220.000 euros, integrada polos mesmos municipios. En cada un destes programas toman parte 100 persoas desempregadas, ás que se lles ofrece unha formación para o emprego e a posibilidade de facer prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas. Un mínimo de 15 persoas teñen que realizar estas prácticas.

No que respecta á actividade que finaliza, destacou a cifra de participantes menores de 30 anos – un total de 62 – con diferentes perfís. Os contidos incluíron orientación para atopar un emprego, obradoiros, simulacións de entrevistas laborais, habilidades sociais, traballo en equipo e intelixencia emocional. Tamén se ofreceu formación sobre o proceso de emprender, a creación de empresas online e competencias dixitais, entre outras.

Un mínimo do 35 % dos participantes nos programas integrados de emprego deben de ser inseridos no mercado laboral durante a duración do proxecto, ben por conta allea, por conta propia - iniciando unha actividade no mesmo prazo ou nos tres meses posteriores -, ou como socios traballadores dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non inferior a seis meses.

Así mesmo, a Administración autonómica ofrece bolsas para incentivar a asistencia dos demandantes de emprego a estas accións, que nesta anualidade elévanse dos 7 aos 10 euros por día. A Xunta tamén asume os custos salariais do persoal necesario para impartir os programas, así como os gastos de desprazamento e os derivados da adquisición de material, entre outros.

0.18581891059875