Unha boa educación para o futuro
O Centro Educativo Galén mantén aberto o período de matriculación para o novo curso 2021/2022
Tras un ano cheo de adaptacións e novas medidas nos centros educativos, cada vez está máis preto o novo curso escolar 2021/2022. No Centro Educativo Galén xa se prevé como van ser as medidas que van levar a cabo, moitas delas similares ás deste ano, como manter as máscaras no interior e diminuír de forma lixeira a distancia de seguridade. Así mesmo, dende o centro destacaron que “para nós era impensable dispor a colocación da aula de xeito individual, sempre organizabamos esa disposición en pequenos grupos de 2, 4 ou seis, o que nos permitía traballar de xeito moi diverso, no gran grupo, pequeno grupo e a título individual. O traballo cooperativo, colaborativo e participativo, as aprendizaxes entre iguais, a interacción e comunicación eran deste xeito moito máis fluídas”.
Desta forma, consideran que, a pesar de que resulte duro, cumprir os protocolos sanitarios e levar a cabo as medidas necesarias son accións fundamentais para garantir a boa saúde do alumnado e das familias, así como continuar coa presencialidade das clases, aspecto que consideran fundamental para un bo desenvolvemento persoal, emocional e social.
Dende o Centro Educativo Galén destacan que a súa educación se asenta sobre catro piares fundamentais que son: o emprego de metodoloxías activas, a atención personalizada, a formación en idiomas e o compromiso que teñen co medio ambiente, ao que denominan Galén Verde. No primeiro caso, o que buscan é que as metodoloxías sexan activas, empregando de forma adecuada procedementos que permitan desenvolver ao alumno/a en competencias clave. Así mesmo, tamén se empregan metodoloxías cooperativas, colaborativas e participativas, así como metodoloxías que fagan ao alumno ou alumna protagonista da súa aprendizaxe “poñendo o foco na aprendizaxe competencial, que á súa vez, fomenta a aprendizaxe significativa e o emprego de ferramentas necesarias para desenvolverse no seu día a día”.
En canto á atención personalizada, o equipo directivo considera que “é necesaria para dar unha resposta educativa de calidade e conseguir unha educación global e integral”. Tamén destaca a preocupación do centro cara aos alumnos e alumnas, non só a nivel académico, senón tamén a nivel emocional “sempre traballamos a intelixencia emocional e educamos en valores de respecto e igualdade como elementos esenciais para unha convivencia en harmonía, respectuosa coa diversidade. Conseguimos con ela un ambiente familiar, a sensación de estar na casa e que os estudantes sintan esa confianza e seguridade. Para nós tanto a confianza coma a comunicación co alumnado e familias é fundamental, por isto a titoría e o seguimento do alumnado destaca especialmente na práctica docente”.
O ensino de idiomas é outro dos aspectos a destacar polo centro, polo que os nenos e nenas conviven co inglés dende idades temperás. Así mesmo, comézase a ensinar francés como segunda lingua estranxeira dende 3º de educación primaria e, como terceiro idioma, atópase o alemán, que se imparte durante a ESO. A isto hai que sumar a posibilidade de intercambios con outros centros educativos, de viaxes e da posibilidade de cursar o bacharelato Dual Americano dende 3º da ESO.
En relación á sociedade que vivimos, o centro educativo de Galén é un centro adaptado aos novos tempos en que a tecnoloxía é ” unha ferramenta necesaria neste proceso de aprendizaxe pero en equilibrio coa conciencia humanista que impregna a nosa filosofía. Clases Tic, informática, robótica, plataformas e ferramentas dixitais, etc, conviven co progreso, humanismo e respecto á natureza, facéndose necesario unha xestión eficaz do tempo de uso”.
En canto á matriculación, Galén apreciou un repunte na matrícula algo que o equipo directivo atribúe a unha boa resposta do centro no momento do confinamento e no curso educativo actual “mantívose o horario e a presencialidade en todo momento”. Ademais, o centro recibe a familias durante todo o ano e, aínda que xa hai varios grupos en distintas etapas pechados, o centro está aberto a calquera familia que queira coñecer a entidade.
Outro aspecto a ter en conta son os docentes que forman parte do centro “o noso equipo de traballo está conformado por preto de cincuenta profesionais comprometidos cos valores fundamentais da persoa, nunha sociedade como a actual onde a autonomía persoal vai unida ao traballo en equipo, á interacción social e humana e á interacción tecnolóxica”, sinalaron dende o equipo directivo.