Renden homenaxe ao rabadense Xabier P. Docampo

A deputada de Cultura Iria Castro participou esta tarde na Polavila Docampo, organizada polo colectivo Iniciativa Polavila Docampo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para homenaxear a Xabier P. Docampo (Rábade, 1946-A Coruña, 2018), voz fundamental da literatura infantil e xuvenil en galego.
A xornada comezou cunha lectura continuada da súa novela A nena do abrigo de astracán, a cargo de estudantes de centros educativos lucenses e amizades do autor, e continuou cunha gala conducida por Lois Pérez e Antonio Reigosa, con intervencións de Pepe coira e Paco Martín, que lembraron vivencias persoais co autor; Daniel Puente Bello, Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda, e unha rolda de contos de Ana Carreira, Celso Sanmartín e Benxamín Otero.
Xiana Lastra, de A Banda da Loba, encargouse do acompañamento musical do acto. A responsable provincial agradeceu á organización "a elección do Pazo de San Marcos para esta homenaxe pública a Xabier P. Docampo, cuxas obras, lembrou, abriron a porta á literatura en galego a diferentes xeracións de nenas e nenos".