Renovada a executiva do PSOE de Monterroso coa continuidade de Rafael García como secretario xeral

A Agrupación Socialista de Monterroso acaba de renovar a súa Executiva local, que estará encabezada de novo por Rafael García Figueiras, reelixido como secretario xeral nun proceso que, segundo destacou a formación, reafirma a aposta pola estabilidade interna, o traballo en equipo e o compromiso coas necesidades da veciñanza.
A nova dirección integra distintos perfís da militancia activa, combinando experiencia e renovación co obxectivo de fortalecer o proxecto socialista no municipio e continuar sendo unha ferramenta ao servizo de Monterroso.
A Executiva queda composta por Javier Vicente Doarte na presidencia, Rafael García Figueiras como secretario xeral, Nuria Expósito Salgado á fronte da Secretaría de Organización, Benestar Social e Política Municipal, Eva Blanco López na área de Igualdade e Novas Tecnoloxías, Manuela Pérez Rodríguez na Secretaría de Educación e Muller, José Luís Vázquez García como responsable de Administración e Finanzas, e Alfonso Briega Carrilero na Secretaría de Acción Electoral, Mobilización e Actos.
Ademais, a agrupación contará con representación no Comité Provincial do PSdeG-PSOE a través do propio Rafael García, xa elixido no congreso celebrado o pasado 10 de maio, e tamén de Martín Mejuto Sobrado e Nuria Expósito Salgado, que se incorporan como novos membros.
Tras a súa reelección, Rafael García agradeceu o respaldo da militancia e destacou que a nova dirección supón un reforzo ao compromiso cun “proxecto político serio, participativo e próximo á realidade da veciñanza”. Sinalou tamén que o obxectivo é “seguir traballando desde Monterroso para construír unha alternativa de goberno e poñer en valor a política útil, honesta e con principios, fronte á parálise e á propaganda”.
Desde a Agrupación Socialista avogan por unha nova etapa marcada polo impulso e a unidade, cunha prioridade clara: escoitar á xente, defender os servizos públicos e preparar o proxecto co que recuperar a confianza maioritaria da cidadanía nas próximas eleccións municipais.