Renovado o pavimento da entrada do CEIP Casás de Lugo
O Concello de Lugo interviu nestes días no CEIP de Casás, realizando unha mellora do pavimento da zona de acceso ao centro. O tenente alcalde, Rubén Arroxo, visitou a zona xunto co edil de Educación, Felipe Rivas. Así pois, afirmouse a necesidade da actuación “debido ao avanzado estado de desgaste que mostraba o pavimento da entrada deste centro”, e engadiu “a nova pavimentación mellorará a seguridade da zona, especialmente nos días de choiva”.
A actuación consistiu na aplicación dunha nova capa de pavimento contínuo de formigón sobre un encanchado en caixa, ademais da formación de cunetas e canaletas, que se conectarán á rede de evacuación de augas pluviais. En total, a intervención supuxo un investimento de 29.735,39 euros, e actuouse desde a zona de entrada ao centro.
Comedores Escolares
O Concelleiro de Educación lembrou que “desde o Concello de Lugo realizamos ano tras ano un gran esforzo para ofrecer o servizo de comedores escolares en todos os centros”. Rivas explicou que “malia que este servizo é unha competencia propia da Xunta de Galiza, desde o Concello de Lugo estamos a cubrilo para garantir que as familias lucenses poidan contar cos comedores escolares, facilitando a conciliación familiar”.
Felipe Rivas destacou que “desde a nosa chegada ao goberno traballamos para que a Xunta asuma esta competencia, que lle é propia e á que achegan unha cantidade inferior ao 7% do custo total”. Actualmente, a Xunta de Galiza achega pouco máis de 60.000 euros para o mantemento deste servizo, que supón un custo total de preto de 900.000 euros ao ano.
O edil de Educación destacou que nos últimos anos, o concello de Lugo ampliou o servizo de madrugadores e madrugadoras a todos os centros públicos. “Seguiremos traballando para que a Xunta asuma as súas responsabilidades e garantir que todas as familias teñan acceso a este servizo”.