Renovan a concesión municipal dos Hortos Urbanos de Lugo
A área de Medio Ambiente renovará a concesión dos Hortos Urbanos do Parque dos Paxariños, que contan cunha extensión de máis de 3.000 m² de zona verde, ubicada entre a Rolda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato - a carón da barrio do Xuíz - como espazo de convivencia social ao redor da labranza individual de pequenas parcelas para autoconsumo.
Logo de acondicionar o recinto xa no anterior mandato, a primeira adxudicación destes terreos vén de caducar polo que o Executivo local tramitará agora o procedemento para asignalos, de novo, á cidadanía interesada.
En total, entregaranse 32 parcelas de, en torno aos 30 m² cada unha, separadas entre elas por pantallas vexetais. A zona conta tamén con espazos dotacionais como estacionamentos e unha caseta de madeira para a garda de apeiros de labranza e material de traballo, así como fontes de rega adaptadas á contorna e mesas e bancos de uso público.
Terán preferencia entre as e os solicitantes aquelas persoas que sexan desempregadas, pensionistas, que teñan menos capacidade adquisitiva e/ou menos patrimonio persoal.
Como solicitar os Hortos Urbanos
Está previsto que o decreto que autoriza o procedemento se publique esta mesma semana tanto no Taboleiros de Edictos como na web do Concello. Acto, a partir do cal, as persoas interesadas na adxudicación dos hortos, disporán dun prazo de 15 días para presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello.
Deberán entregar cumprimentado o modelo normalizado de instancia número 658 de Solicitude: Convocatoria Hortos Urbanos.
A listaxe provisional de admitidos exporase ao público 8 días despois de que remate o prazo para concorrer, tempo no que se avaliarán as solicitudes, e as persoas inscritas contarán cun período de 15 días para presentar as reclamacións que consideren oportunas antes de que se comuniquen as listaxes definitivas. “O que agardamos poida acontecer xa no mes de outubro”, afirmou Miguel Fernández.
Mentres tanto, aproveitarase estas semanas para proceder a voltear a terra e deixala preparada para a próxima tempada para o que xa contratamos os traballos de roza e acondicionamento necesarios.
As persoas que non resulten beneficiarias pasarán a integrar unha bolsa de suplentes, que tamén se ordenará conforme á valoración acadada na fase de baremo, e da que se botará man en caso de renuncia ou perda do dereito de calquera das persoas adxudicatarias.