Renovan o alumeado público do paseo Álvaro Cunqueiro no barrio da Ponte
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou que actualmente se está a traballar na renovación do alumeado público paseo Álvaro Cunqueiro, no barrio da Ponte. Alexandre Penas explicou que “continuamos a traballar na renovación do alumeado público da cidade buscando unha mellora da calidade do alumeado e garantindo un aforro enerxético en toda a cidade”.
A concellería de Infraestruturas está a substituír as 15 luminarias actuais, que utilizan vapor de sodio e requiren unha potencia de 150W cada unha, por proxectores LED de 75W. Este novo alumeado dará unha luz máis uniforme nas rúas, e permitirá reducir os custos en mantemento, dado que este alumeado sofre un número de avarías moito menor. Ademais, Alexandre Penas explicou que “utilízase un alumeado de cor ámbar que garanta a protección do medio ambiente e da fauna da zona, ao tratarse dunha zona próxima ao Miño”.
Desde a concellería de Infraestruturas Urbanas continúa a apostarse pola eficiencia enrxética na rede de alumeado público da cidade. Con esta intervención, o aforro está cifrado en 5.999 kWh, o que permitirá tamén reducir as emisións de CO2. O edil de Infraestruturas explicou que “nos últimos anos investíronse máis de 3 millóns de euros en eficiencia enerxética na rede de alumeado público, cos obxectivos de mellorar a calidade do alumeado, reducir a contaminación e aforrar en consumo enerxético”.