Renovan o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral, en Lugo

LugoXa
A representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprobou o resultado das obras de renovación do centro
centro-de-Recuperación-de-Fauna-Silvestre-do-Veral
28 Xul 2024

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) do Veral, en Lugo, onde puxo en valor o traballo que realiza o seu persoal no coidado e restablecemento dos animais salvaxes autóctonos da provincia que non están en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural. A finalidade última destas instalacións é devolver eses animais ao seu hábitat e, cando non é posible, integralos en programa de conservación ex situ -fóra do medio natural- ou de educación medioambiental.

A representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprobou o resultado das obras de renovación do centro, cun investimento de preto de 550.000 euros para facelo máis funcional e mellorar as condicións de traballo dos seus profesionais. De feito, as actuacións supuxeron a construción dun novo edificio que permite conectar todas as dependencias destinadas aos animais e, en paralelo, mellorar as estancias nas que se atopan os servizos administrativos.

A estrutura do inmoble principal repártese en dous módulos, un administrativo no que se realizara a recepción dos animais, o tratamento e a atención veterinaria, e outro para a recuperación inicial dos exemplares e os servizos de atención. A parte administrativa conta con dependencias como oficina-sala de recepción, consulta-sala de operacións, sala de persoal, vestiarios, sala de crías, unidade de coidados e almacén.

O módulo de recuperación conta cunha cámara para mamíferos, catro cámaras de voo de aves -tres xa preexistentes que se conservan parcialmente e unha nova-, seis azoreiras, tres salas de mudas, tres para aves nocturnas, un almacén, unha sala de necropsias, un túnel de voo e piscinas de aves peláxicas. No caso do túnel de voo, ten dous compartimentos para que as aves recuperadas practiquen antes de volver ao medio, mentres que a zona de especies acuáticas se ampliou con dúas novas piscinas.

Este centro de recuperación de fauna é un dos catro existentes en Galicia -un por provincia- e recibiu o ano pasado algo máis de 600 exemplares de fauna silvestre entre aves, mamíferos e réptiles. Ás instalacións de Lugo súmanse as de Santa Cruz, no concello coruñés de Oleiros; as do Alto do Rodicio, no municipio ourensán de Maceda; e as de Carballedo, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Ao longo de 2023 os catro centros recibiron un total de 4.830 animais, a maioría deles aves, seguidas de mamíferos e réptiles.

0.16785287857056