Renovarán o asfalto na avenida Anxo López Pérez, en Lugo

LugoXa
A solución que se realizará por parte do Goberno de Lugo consiste na creación dunha nova capa de rodadura
avenida-Anxo-López-Pérez
22 Ago 2024

Renovarán o asfalto na avenida Anxo López Pérez. O tenente alcalde Rubén Arroxo lembrou que a Tenencia de Alcaldía traballa para "atender ás reclamacións veciñais e mellorando as vías de toda a cidade, tanto en zonas urbanas como periurbanas". Afirmou que "esta vía soporta unha importante carga de tráfico pesado, ao tratarse da principal saída dos buses desde a estación", e explicou que "con esta actuación renovaremos o asfalto, que se atopa desgastado, garantindo o bo estado da vía durante os próximos anos".

A solución que se realizará por parte do Goberno de Lugo consiste na creación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, o que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, garantindo que a intervención sexa duradeira. Unha vez rematado o asfaltado, renovarase a sinalización horizontal. A actuación conta cun orzamento próximo aos 41.000€. A Tenencia de Alcaldía executará esta repavimentación antes do comezo do curso escolar, buscando reducir as molestias ás familias.

Desde a Tenencia de Alcaldía anímase á veciñanza de Lugo a facer chegar as súas solicitudes ao Concello. Rubén Arroxo destacou que esta información, "xunto coas visitas que realizamos periodicamente aos barrios, permítennos planificar mellor as prioridades e o traballo a realizar". Arroxo lembrou que o Goberno de Lugo está a planificar diversas intervencións nas vías públicas de toda a cidade. Zonas como San Fiz, a Garaballa ou a Avenida da Coruña teñen planificadas renovacións de asfalto para os vindeiros meses.

0.18963599205017