Renovarase o asfalto da rúa Monte da Casilla de Lugo
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou o inicio dos traballos de renovación da rúa Monte da Casilla. Arroxo anunciou que se realizará unha renovación integral do asfalto desta vía, "completando os traballos iniciados o ano pasado, cando renovamos integramente o alumeado, instalando novas luminarias LED".
A rúa Monte da Casilla parte da rúa dos Servizos e conta cunha lonxitude de 510 metros e presenta un firme cun estado deficiente, polo que é preciso realizar unha actuación de pavimentación integral para garantir unha axeitada funcionalidade da vía.
Levarase a cabo a limpeza de firme, cunetas e tajeas en toda a lonxitude da vía, e reconstruirase o firme en todo o seu espesor. Posteriormente instalarase unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará un selado do firme ante a acción da auga superficial e asegurará unha prolongada duración da actuación. Unha vez pavimentadas as vías, adaptaranse os rexistros e renovarase a totalidade da sinalización horizontal.
O Goberno de Lugo inviste 29.380,01 euros nesta intervención, que ten un prazo de execución de 5 semanas.