Renóvase a Sala 10 do Museo Provincial de Lugo para exhibir o sestercio da caetra de forma permanente

LugoXa
A sala contará cunha nova museografía que reforzará o carácter didáctico do espazo con imaxes e elementos gráficos sobre a relevancia histórica das moedas
renovación-sala-0-Museo-de-Lugo
13 Jun 2025

O Museo Provincial de Lugo prepara unha renovación da súa Sección de Numismática e Medallística na Sala 10, situada no primeiro andar, coa que se expoñerá de forma permanente o sestercio da caetra, unha peza histórica de gran importancia para a cidade.

O proxecto foi adxudicado por 83.000 euros e terá un prazo de execución de tres meses. Esta actuación permitirá tamén mellorar a protección, conservación e comunicación das demais pezas expostas nesta sección.

A deputada de Cultura, Iria Castro, explicou que esta intervención supón a culminación do traballo para incorporar ao patrimonio público esta moeda emblemática, relacionada coa orixe de Lugo, e para revalorizar unha das coleccións numismáticas máis relevantes do Estado. Ademais, o proxecto desenvolverase cun enfoque inclusivo, que se aplicará a todas as actividades dos museos provinciais.

A sala reorganizarase arredor do sestercio da caetra, adquirido en agosto de 2023, e contará cunha nova museografía que reforzará o carácter didáctico do espazo con imaxes e elementos gráficos sobre a relevancia histórica das moedas. A renovación incluirá vitrinas, iluminación, sinaléctica e a incorporación de pantallas interactivas para proxectar imaxes 3D das moedas máis destacadas, ofrecendo unha experiencia inmersiva aos visitantes.

Para fomentar a interacción coa colección, instalarase tamén unha estación táctil e unha máquina expendedora de moedas que permitirá crear réplicas personalizadas. O proxecto terá en conta a sustentabilidade ambiental e a accesibilidade universal no deseño das novas instalacións.

O sestercio da caetra é unha moeda de bronce de 38,07 gramos, coa imaxe do emperador Augusto no anverso e o escudo da caetra, símbolo dos galaicos, no reverso. A súa cuñación atribúese ao taller móbil do campamento romano que deu orixe á cidade no século I a.C. Declarada Ben de Interese Cultural en 2022, esta moeda permaneceu en mans privadas ata a súa adquisición en 2023.

Xunto a esta peza, adquiríronse tamén un lote de seis moedas de baixa emisión que amplían a colección, que conta con arredor de 10.000 moedas e medallas de distintas épocas históricas.

⚙ Configurar cookies
0.1712920665741