Reorganizan o tráfico no centro de Lugo tras finalizar as obras na rúa do Teatro e en Santo Domingo

O Concello de Lugo activa desde esta tarde un novo plan de circulación coincidindo coa finalización das obras de peonalización na rúa do Teatro e na Praza de Santo Domingo. A medida busca recuperar espazos para os peóns e consolidar un modelo de mobilidade sostible no centro histórico, que acolle a primeira Zona de Baixas Emisións (ZBE) da cidade.
A reorganización será implantada de maneira progresiva co fin de evitar acumulacións de tráfico, pero estará plenamente operativa a primeira hora do venres 4 de xullo, previsiblemente mesmo desde a medianoite de hoxe.
A nova configuración permitirá o acceso de vehículos desde a rúa do Teatro cara aos aparcadoiros Ánxel Fole e Santo Domingo, así como á propia praza. A circulación poderá continuar descendendo fronte ao edificio de Cortés —entre as fachadas e o xardín central—, seguindo á dereita en dirección á Praza de Abastos e retornando pola rúa Lois Peña Novo e Armañá, ata reincorporarse de novo á rúa do Teatro en dirección á Ronda da Muralla.
A principal novidade desta ordenación é a liberación total de tráfico na rúa Quiroga Ballesteros, que deixa de funcionar como desvío provisional, e a consolidación da rúa San Marcos como espazo peonil permanente, mantendo a restrición de vehículos que xa estaba en vigor.
As obras na contorna da Praza de Santo Domingo están practicamente concluídas, pendentes unicamente de axustes menores e da colocación do mobiliario urbano.
Esta actuación forma parte da estratexia do Goberno local para avanzar cara a un modelo de cidade máis amable, accesible e sostible, dando prioridade aos espazos peonís e recuperando o centro histórico para o goce da cidadanía.