Repetto acusa ao PP de mentir e manipular a información sobre os fondos europeos

LugoXa
O tenente de alcaldesa de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Mauricio Repetto, lamentou "a instrumentalización que o Partido Popular fai dos órganos do Pleno aos que, sen ningún tipo de escrúpulo, supedita a intereses partidistas recorrendo incluso á mentira se é preciso".
dineiro cartos moedas orzamento
20 Xan 2024

O tenente de alcaldesa de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Mauricio Repetto, lamentou "a instrumentalización que o Partido Popular fai dos órganos do Pleno aos que, sen ningún tipo de escrúpulo, supedita a intereses partidistas recorrendo incluso á mentira se é preciso".

O concelleiro explicou que na Comisión deste venres, na que se abordou a solicitude de fondos europeos para o apoio ao comercio, el mesmo lle trasladou á oposición que o Concello de Lugo, alén de presentar candidatura á convocatoria de referencia, executou con recursos propios a estratexia Localmente Lucense, dotada cun millón de euros e que foi deseñada tendo en conta as inquedanzas do sector, na que, ademais das actividades de dinamización comercial como os tardeos, noiteos, mercados no río ou a animación en diferentes zonas, tamén se incluía unha Plataforma dixital para o comercio electrónico.

"Foi precisamente esta Plataforma a que non resultou de interese para os comerciantes da nosa cidade, que argumentaron dispoñer doutras vías de financiación para habilitar esas aplicacións informáticas de xeito personalizado. Unha afirmación na que tamén coincidíu a Federación de Comercio e que propiciou un cambio na programación do Localmente Lucense, destinando a partida económica da Plataforma dixital a mais actividades dinamizadoras de animación e mercados, como puido ser o Gran Mercado de Nadal da Praza Maior, que tivo unha excelente acollida entre os comerciantes, hostaleiros e a cidadania en xeral", afirmou Mauricio Repetto.

"O que vergoñentamente agocha o PP - continuou o edil - aínda que tamén llo comuniquei onte, foi que dende Desenvolvemento Local presentouse o proxecto á convocatoria de referencia no ano 2022, pero non se acadou subvención con ela porque a maioría da puntuación outorgouse a proxectos que, precisamente, destinaban unha porcentaxe moi elevada do orzamento a investir en novas tecnoloxías para o comercio, á creación de Plataformas de venda on line, APPs, etc. Xusto os aspectos que menor interese xeraron entre o colectivo lucense".

"E, por ese mesmo motivo, o Concello non se presentou a posteriores convocatorias, xa que a partida económica que se esixe para cofinanciar este tipo de proxectos resulta de maior utilidade para o sector destinándoa a actuacións que si demandan", engadiu Repetto Morban.

"O PP esgota, lexitimamente, o número de iniciativas que pode levar ao Pleno e ás Comisións, o que xa non resulta ético, todo máis patético, é o que fan os populares co traballo do funcionariado, ao que apartan da atención cidadá ou da tramitación das solicitudes da veciñanza para elaborar os informes que dean resposta a todas as preguntas que presentan e logo o Pp omite ou nesga os datos tratando de enganar á poboación".

"A alcaldesa Paula Alvarellos foi clara o xoves, cando pediu na súa investidura lealdade cos e coas lucenses para defender os seus dereitos. Atosigar aos servizos municipais con requirimentos informativos que logo ningunean ou terxiversan ao seu antollo evidencia xusto o contrario: ou un déficit de comprensión do que se lles refire nas contestacións, ou un afán de torpedear dende dentro á Administración local, saturándoa con iniciativas para impedir o seu correcto funcionamento", denunciou o tenente de alcaldesa.

0.2016658782959