Reportaxe. O Ribeira FS traballa formando xogadores para que posúan os valores do deporte
A sociedade deportiva, fundada no ano 2006, cree que o fútbol sala debe ter unha función fundamental na formación integral dos máis novos
Un grupo de coñecidos de Ribeira de Piquín, que formaban equipo de fútbol sala na liga local de Lugo, aventuráronse no ano 2006 a crear un club baixo o nome do seu concello da comarca de Meira. Con moito esforzo e traballo, o seu conxunto sénior logra a día de hoxe formar parte da 2º División B. Pero este non foi o único logro do club nestes derradeiros anos, posto que na campaña 2016/2017 comezan a traballar formando a súa canteira, e dúas tempadas despois crean a sección feminina da entidade.
O Ribeira F.S. conta na actualidade con 185 xogadores divididos en 17 conxuntos masculinos: 1 equipo en chupete, 2 prebenxamíns, 3 benxamíns, 4 alevíns, 3 infantís, 2 cadetes, 1 xuvenil e o sénior, ademais dun equipo de fútbol oito na categoría alevín. En canto ás xogadoras do club, son un total de 43, que forman cinco equipos que militan nas categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior, todas elas en ligas galegas. O seu conxunto sénior conseguiu recentemente o ascenso á Preferente e esta sección feminina acaba de fusionarse co Lieders Futsal coa idea de potenciar o crecemento da mesma.
Bea Puente, responsable da sección feminina do club, explica que o traballo de canteira é "fundamental, primeiro porque cremos na importancia do deporte na formación integral dos máis novos e, nese punto, nós como formadores temos unha grande responsabilidade. O noso obxectivo principal é formar persoas que posúan os valores do deporte (traballo, constancia, cooperación, compromiso...) e que os poidan aplicar nos demais ámbitos das súas vidas. En segundo lugar, damos importancia a crear hábitos saudables, levando vidas máis activas, afastando aos máis novos das tecnoloxías que os manteñen por moitas horas inactivos. E, por último, a nosa pretensión é ensinar fútbol sala, para que as xogadoras e xogadores teñan os coñecementos e habilidades suficientes para poder chegar a desenvolverse na pista e formar parte, nun futuro, dos primeiros equipos do club”.
Para loitar por esas metas, o Ribeira FS conta con 8 adestradores e 1 adestradora que teñen asignados os seus equipos e son responsables directos dos seus grupos. Ademais teñen o apoio de varios axudantes, que son xogadores e xogadoras dos equipos sénior, “xa que entendemos que a súa implicación é fundamental posto que son referencia para a canteira”.
Estes técnicos e técnicas traballan mediante dúas liñas, “método analítico e global, facendo fincapé neste último”. Procuran formular tarefas nas que haxa “unha relación continua dos contidos que van a ser aprendidos polos xogadores e xogadoras, traballando conxuntamente aspectos técnicos, tácticos e físico-motores. Na nosa escola intentamos que a persoa protagonista de cada actividade, xogo ou tarefa sexa o xogador ou xogadora”.
Para dar as máximas facilidades aos nenos e nenas do club repártense os horarios dos adestramentos en función da etapa formativa-deportiva na que se atopen, pero non sempre lles resulta doado.
Bea comenta que a dispoñibilidade horaria das instalacións coas que conta Lugo non é moi ampla, “debido á gran cantidade de deportes realizados nas instalacións polideportivas e ao gran número de clubs e de nenos e nenas que hai na cidade practicando deporte, é difícil adecuarse e dar cuberto as necesidades de todos os clubs. Neste ano tan complicado tivemos que recorrer á utilización de instalacións polideportivas privadas, para poder ofrecer unha actividade de calidade, sabendo o difícil que pode chegar a ser costear estes gastos”.
Coa pandemia todo se dificultou, pero a base leva adestrando para esta campaña 2020/2021 dende outubro, salvo cando a Xunta prohibiu a práctica deportiva, “estivemos adestrando sempre, adaptándonos ás limitacións de contacto físico ao primeiro, no que se primaban tarefas de técnica individual de balón. Houbo que adaptarse ao uso da máscara que agora xa é unha compañeira máis no día a día e coa que todos e todas amosaron unha responsabilidade abraiante”.
As consecuencias da covid tamén se notaron deportivamente, aínda que de maneira diferente en función dos niveis de competición, “coa base non o notamos tanto porque o marcamos como unha tempada máis de formación na que o que menos nos importa é o nivel competitivo. Nos equipos Sénior, o masculino leva xa moitos meses de competición ao depender de Federación Española entón é máis parecido a unha tempada normal no que a meses de competición se refire, aínda que si que prexudica que hai moitos paróns por mor de confinamentos nos equipos cando hai algún positivo, cousa coa que tivemos moita sorte, posto que no noso equipo, ningún xogador tivo covid. No caso do Sénior feminino, que ademais se estrea nunha competición mais esixente, ao ascender á Preferente Galega, é distinto, xa que apenas acaban de iniciar a competición, levando 6 meses de pretempada e máis dun ano sen competir. Iso afecta, sobre todo na motivación, foi difícil mantela, sabendo que ao mellor nin este ano se podía competir, pero temos un grupo moi comprometido e que a pesar da situación estiveron adestrando a un gran nivel e esperemos que se demostre así nos resultados”.