Reportaxe: Os irmáns Abelleira conquistaron o ceo e están dominando a terra

LugoXa
Reportaje a Fran y Luis Abelleira dos hermanos lucenses vinculados al mundo de la aviación y del motociclismo.
Fran Luis AbelleiraJerez 2019
20 Feb 2022

Fran e Luís Abelleira son dous irmáns que están marcando tendencia non só no aeródromo senón tamén no mundo do motor.

Ámbolos dous levan vinculados á aviación e ao aeródromo de Lugo dende nenos. “Levamos toda a vida vinculados ao Aeroclube de Lugo, criámonos alí entre pilotos, avións....” Neste lugar foi onde colleron afección polo mundo do motor e da mecánica. Comezaron a voar dende moi nenos co seu pai e o seu avó. Na actualidade, seguen vinculados debido a que forman parte da directiva do Aeroclube e son organizadores do festival aéreo Criterium Aeronáutico de Galicia, que se viña celebrando tódolos anos, exceptuando estes últimos debido á Covid.

Luís Abelleira ademais, conta coas licenzas de mantemento aeromecánico que lle permiten levar o centro de mantemento de aviación xeral que está localizado no aeródromo. Alí levan a cabo o mantemento de aeronaves de Galicia, Asturias, Bilbao, León e un longo etc. Ademais, imparte formación de Mecánico de Aeronaves no CIFP As Mercedes, o único centro público de Galicia que imparte este tipo de estudos de carácter formación profesional de grao superior, que ten a día de hoxe un 100 % de contratación dos alumnos que estudaron e saíron facer as prácticas fora de Galicia.

A aviación é unha parte moi importante na vida destes dous irmáns, desfrutan dela tanto como afección como profesión. “Voamos habitualmente para distraernos da rutina, para recargar as pilas... Pero ademais, tamén profesionalmente, xa que temos un taller de reparación de aeronaves e unhas oficinas de asesoramento e xestión de todo tipo de trámites aeronáuticos”. A maiores, o sector dos drons está a demostrar que a aviación é o futuro, é o medio máis rápido de transporte, e cada día hai máis aeronaves, sexan tripulados, ou non, no ceo.

Fran e Luis comezaron a voar dende moi novos, Fran conta co seu Diploma de Bautismo Aéreo dende que tiña 14 días de nacer, polo que leva voando toda a vida. A licencia de piloto sacouna cando tiña 20 anos aproximadamente mentres que o seu irmán Luís obtívoa con 17 anos.

Ao preguntarlles polo maior contratempo que se lles deu nun avión Fran aclara que “nun avión a sensación é sempre de seguridade, se non non voariamos. Por suposto que sempre corres un certo risco, pero sempre é moi inferior a circular por unha vía pública en coche ou en moto. É importante voar con respecto, pero sempre sen medo, senón é mellor quedar no chan. Algunha experiencia de medo sempre pasas, nalgún viaxe aparece un ruído que non dás localizado ou olor a gasolina na cabina (era o líquido da compás). Pero é o medio de transporte máis seguro, eso está claro”. Mentres que Luís afirma que “medo non tiven, contratempos varios. É parte do meu traballo, reparando e probando avións, en moitos casos para despois vendelos. Nunha ocasión disparáronse as temperaturas do motor, cheguei ao campo buscando polo camiño onde aterrar no caso de que parara o motor, noutro voo non funcionou o tren de aterraxe, noutro a presión de combustible caeu, pero o motor non parou...”.

A maior satisfacción para Fran é a de levantar o vo despois dunha temporada sen voar, é algo que lle provoca relaxación e lle carga as pilas. Ademais ámbolos dous participaron en varias competicións aéreas, sobre todo galegas, pero tamén nalgunha nacional, quedando en moi bos postos, o cal os fai sentir ben e orgullosos. Para Luís é máis reconfortante ver as persoas que nunca voaron ou saltaron en paracaídas ter a súa primeira experiencia. Destaca unha vez na que un ancián de 93 anos foi probar un simulador de voo de instituto xa que nunca voara e, marchou encantado. Tamén ten anécdotas dese estilo no aeródromo onde acoden persoas de case 90 anos a voar por primeira vez ou saltar en paracaídas. Ver que cumpren un soño, cando eles levan toda a vida vivindo e desfrutando dese mesmo soño.

"Córrese máis perigo na estrada indo a traballar que subindo no avión ou saltando en paracaídas desde un"

Ante a pregunta que consello lle darían a unha persoa que ten pavor a montar nun avión, Fran afirma que “este é o medio de transporte máis seguro sen dúbida, aí están as estadísticas para corroboralo. Eu diríalles que corren máis perigo na estrada indo a traballar que subindo no avión ou saltando en paracaídas desde un. A mecánica dun avión é máis sinxela que a dun coche por exemplo, para evitar introducir sistemas que poidan fallar. Ademais os motores levan sistemas que duplican a seguridade, como por exemplo dúas magnetos, dúas buxías para cada cilindro...”. Luís, en cambio optaría máis pola terapia de choque presentando a un amigo vasco seu que xa caeu tres veces co avión e aínda segue a voar.

A día de hoxe, no aeródromo pódense realizar múltiples actividades ademais das aéreas. Contan con restaurante, galería de tiro, pista de voleipraia, cancha de tenis, baloncesto, etc. Ademais, acaban de renovar as piscinas.

Os avións non son a única paixón dos irmáns Abelleira, de toda a vida senten afección polos motores tanto de coches como de motos. Entraron no mundo da competición das motos da man dun amigo que leva toda a vida competindo. Todo comezou na visita a unha carreira. Esta, tiña un ambiente que namorou a Fran e a Luís que decidiron facer unha proba timidamente fai uns anos.

Luís destaca que a adrenalina da competición non ten nada que ver coa paz que aporta un voo.

Se tiveran que elixir unha das súas afeccións, Fran ten claro que sería unha decisión moi difícil pero que finalmente deixaría ir as carreiras de motos, debido a que supoñen moitas horas de traballo, a posta a punto da moto e cartos para competir. Pola outra banda, Luís non se pode decidir aínda que afirma “si se considera afección as churrascadas coa miña familia e amigos, esa é a única que non deixaría. Un dos motivos de ir as carreiras é pasar tempo xuntos, así que eso, tamén o facemos comendo”.

Os irmáns recordan os primeiros pasos no mundo das motos mellor do esperado. Nunca antes se adicaran a isto, tan só acudían a algunha tanda a algún circuíto e isto, moi de vez en cando co fin de dar unhas voltas e pasalo ben. Co paso de tempo comezaron a ser competitivos e coa chegada de bos resultados comezou o interese. O que ámbolos dous teñen claro é que isto é unha forma de diversión, no momento no que a presión teña máis peso que a diversión deixarán de facelo. Luís marca a evolución como un proceso natural neste mundo comezando nunha moto pequena nunha finca e rematando nos circuítos. “A pena é que Galicia non aposta polo motociclismo, sempre estamos de últimos. Esperemos mellorar nisto. Para ir a un circuíto decente, hay que facer de 600 km para arriba”.

O ano 2018 foi a clave tras ver competir a un dos seus amigos, malia que dende que sacaron o carné de conducir ámbolos dous tiñan moto para desprazarse e viaxar, foi a competición xa mencionada con anterioridade a que os animou a dar o paso. Fran correra en circuítos en Braga en poucas ocasións, pola contra, Luís, o maior, pasou un tempo en Madrid onde realizou rodadas ocasionais.

A competición coas motos supóñenlles maior adrenalina e emoción. Dende o momento que se pecha a viseira do casco e saes do boz xa é un obxectivo facer unha boa volta. En total, 12 voltas ao límite na que todos loitan por ser os primeiros. Luís destaca as 3 ou 4 horas das carreiras de resistencia, como unha das experiencias máis fermosas que teñen vivido.

A falta de pistas e circuítos fai que durante o ano non adestren coas motos. As vitorias chegan despois de adestrar o día anterior da competición no propio circuíto da carreira. En canto ao referente ao mundo da aviación, de vez en cando dan unha volta para desconectar en fin de semana. Polo que adican menos tempo do que lles gustaría a ambas afeccións.

Os dous irmáns móstranse moi unidos, xa que Fran que conta con un pouco máis de tempo nos fines de semana aproveita este tempo para poñer a punto a súa moto e a do seu irmán que conta con menos tempo.

Fran destaca como maior experiencia no mundo da aviación “cando quedei subcampión de España de voo con motor no ano 2013. No motociclismo, o ano pasado 2021 quedei cuarto do campionato de España a nada do terceiro posto, subindo en varias ocasións ao pódium.

Aínda que unha das maiores satisfacción foi a carreira de resistencia de Albacete no ano 2019, que gañamos xuntos meu irmán máis eu, estas carreiras son moi bonitas e esixentes, xa que pasas 3 ou 4 horas seguidas correndo, os dous pilotos cunha sola moto facendo relevos. Ningunha das dúas afeccións me decepcionaron nunca a verdade, xa que o fago para divertirme, e sempre que me subo a moto ou ó avión me divirto, me decepcionaría o día que deixe de divertirme supoño”.

Pola súa parte Luís destaca “o primeiro ano que corremos o campionato de resistencia catalán, quedamos non primeiros postos, por diante do equipo oficial de Suzuki Madrid, e hai que ter en conta que na última carreira partiu o cigüeñal e non poidemos acabar. De acabar esa carreira estábamos entre o segundo e terceiro posto no momento de romper. Pero a mellor experiencia penso que son os amigos que encontramos polo camiño, grazas a aviación e o motociclismo, coma o caso do noso amigo Bouza. Tamén piloto e motero”.

Aínda teñen soños por cumprir

Para moitos, estas dúas afeccións e os logros acadados serían suficientes pero os irmáns Abelleira aínda teñen soños por cumprir, xa que cando se van cumprindo metas propóñense novas metas que acadar. Ademais, Fran destaca que ten soños moi lonxanos ou imposibles como ter un circuíto de velocidade en condicións en Lugo, sacar a licencia de piloto de helicópteros, montar un taller so para motos de competición e rúa, customizándoas, facéndoas únicas, entre outros. Mentres que Luís atópase satisfeito coa súa vida e a súa parella, Ángela, e afirma que tan só lle queda por cumprir viaxar ao espacio, voar máis alto.

Como propósito para este ano 2022 Fran ten en mente gañar o campionato de España de Superbike Legends aínda que son conscientes que é moi difícil. Luís, pola súa parte prefire apostar polas carreiras de resistencia, marcando como obxectivo quedar entre os tres primeiros, cousa que xa lograron no campionato castelán-manchego.

Coa vida que levan considéranse afortunados e felices, afirman que non teñen que gañar campionatos para acadar a felicidade xa que desfrutan moito da familia, da preparacións das motos, paseando no avión ou cun todo terreo polo monte. Aínda que Fran se sente atraído tamén polo mundo dos rallys de asfalto, carreiras de motocross, competicións acrobáticas e moitas máis disciplinas que lle gustaría probar.

E como non podía ser doutra maneira, os irmáns Abelleira controlan o ceo, a terra e a maiores navegan a vela.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18129897117615