Reportaxe: Unha aposta pola canteira vermella
O SD Pol saca adiante, en plena pandemia, un equipo xuvenil de fútbol
Fai máis de 40 anos comezaron a vestirse as camisetas vermellas da SD Pol. Daquelas, lideradas polo primeiro presidente do club, un Manuel Luna que anos despois daría nome ao seu mítico estadio local no que agora conducen o balón. O seu conxunto máis representativo foi sempre o da categoría sénior, que dende a tempada 2018-2019 milita na Primeira Autonómica. Os veteranos, actualmente na División de Honra, tamén teñen o seu papel na sociedade deportiva. Anos atrás, o Pol contou con equipos de canteira, cadetes na tempada 99/00 e xuvenís en seis campañas, sendo a última a de 10/11. Agora púxose sobre a mesa un proxecto máis ambicioso para que a forxadura da canteira perdure no tempo. Unha das pezas fundamentais para as vindeiras intencións do SD Pol é Alberto López. O experimentado técnico lucense chegou esta campaña para facerse cargo do primeiro equipo e mais para exercer de Director Deportivo. Coa súa capacidade e máis coa aposta do Concello de Pol polo fútbol, esperase poder transformar a realidade da sociedade deportiva en pouco tempo, apostando polo deporte base. Como explica López, “o que temos en mente é crear unha canteira para que nuns anos ao menos o 30% dos xogadores da Autonómica sexan do propio municipio”.
EQUIPO XUVENIL
Para este proxecto que se está cociñando, a organización deportiva comezou pola creación dun equipo xuvenil. No pasado verán de 2020 os do Pol lanzaron unha campaña de captación mediante as redes sociais onde anunciaron a intención de formar ese novo conxunto de cara á tempada 20/21. “Comezamos polo equipo xuvenil porque pensamos que sería máis doado, posto que se poderían apuntar tamén cadetes para lograr formar o grupo. Non é nada sinxelo empezar de cero”, comenta o Director Deportivo. Malia a difícil situación pola pandemia a acollida foi espectacular e, tras algunha baixa pola situación sanitaria, o equipo xuvenil conta agora con 24 xogadores. Ao mando de Diego Rey, os rapaces comezaron a adestrar no mes de setembro, seguindo todas as recomendacións hixiénicas e sanitarias. Non pararon ata que se impuxeron as novas restricións que obrigaron a limitar de novo toda a actividade deportiva que non fora individual. A elección de que fose Rey o encargado de dirixir ao novo conxunto do Pol veu da man de Alberto López, “foi unha aposta persoal”, comenta. “Buscabamos un perfil de adestrador novo, que estivera formándose e que tivera ambición. Diego ven de facer dúas tempadas espectaculares no San Lázaro, está moi preparado e ten gañas de medrar coma adestrador”.
Formouse un equipo moi novo, cun gran numero de cadetes, “se non fora pola situación actual houberamos intentado crear tamén un conxunto na categoría cadete, pois temos moitos de primeiro ano”, fala Alberto. O grupo foi inscrito na Segunda Autonómica Xuvenil, pero dende o club non se cree que se poida competir nesta tempada “a situación é moi complicada, esperamos poder volver adestrar e xogar algún partido despois de Semana Santa, pero que arrinque a Liga é difícil”. Malia isto, os rapaces teñen moita ilusión por xogar, “sempre pedían adestrar máis, é un equipo con boa técnica individual que deberá curtirse en aspectos tácticos e físicos, pero co adestrador que teñen e as súas gañas, para a vindeira tempada forxarase un equipo competitivo”. Ao club énchelle de satisfacción ver que malia a dificultade na que se encontra agora o eido futbolístico o seu primeiro obxectivo do proxecto de canteira tivera tan boa recepción, xa que “ten que significar que estamos a facer as cousas ben”.
UNHA META AMBICIOSA
Non só ese é a meta de cara á temporada que ven, posto que o Pol pretende seguir formando equipos de base. “Para a próxima campaña esperamos poder facer o equipo de cadetes xa que contamos con bastantes rapaces. Tamén sería moi importante para o proxecto deportivo da sociedade, contar cun equipo de fútbol sete posto que se acaba de facer un novo campo con ese fin”, conta Alberto. O plan para os alevíns e infantís pensouse xa de cara á 20/21, contando coa colaboración da ANPA do Colexio Rosalía de Castro de Pol, pero pola emerxencia sanitaria decidiuse pospoñer un ano, para facer as cousas coa maior seguridade e tranquilidade posible.
A aposta está clara, “chamar a atención dos deportistas do municipio e dos concellos limítrofes para que formen parte da SD Pol. Contamos cunhas instalacións de calidade, dous campos de herba natural e un de herba artificial a estrear, é un luxo. Ademais o Concello aporta todo tipo de material e fai que a oferta das actividades sexa de balde”.
OUTROS PROXECTOS
Pero estas aínda non son todas as aspiracións da transformación do deporte en Pol. Para o verán a SD está a organizar un campus que se desenrolará nos tres campos de fútbol, nas piscinas e no pavillón. Tamén se está fraguando un campus de baloncesto e en canto se poida o Concello inaugurará as pistas de pádel. Dende o club vermello esperase que “todo mellore para que a xente poida gozar de toda a oferta deportiva que se está a lanzar dende Pol”.