Representantes da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo reuníronse con Javier Arias

LugoXa
A reunión, cualificada de “moi produtiva” por ambas partes, serviu tamén para reforzar a colaboración institucional e abrir novas vías de traballo
Asociación-Xitana-e-Xunta-en-Lugo
16 Apr 2025

Representantes da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo, presidida por Manuel Vila, reuníronse co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para avaliar posibles proxectos que impulsen a plena integración da comunidade xitana na provincia.

Durante o encontro, Arias felicitou ao colectivo polo éxito dos actos celebrados o pasado 8 de abril con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, unha data que cualificou como “especialmente relevante este ano, cando se conmemoran os 600 anos da presenza do pobo xitano na Península Ibérica”.

O delegado destacou tamén o compromiso do Goberno galego coa inclusión social e a igualdade de oportunidades. Nese sentido, lembrou que Galicia foi pioneira ao aprobar en 2014 a súa propia estratexia específica para a poboación xitana, un documento que foi recentemente renovado no mes de marzo e que terá vixencia ata 2030.

A nova estratexia, segundo explicou Arias, pon o foco na loita contra a discriminación estrutural e na promoción de políticas que favorezan a inclusión educativa, laboral e social das persoas xitanas.

A reunión, cualificada de “moi produtiva” por ambas partes, serviu tamén para reforzar a colaboración institucional e abrir novas vías de traballo conxunto de cara aos próximos anos.

⚙ Configurar cookies
0.068227052688599