Representantes do Camiño Francés convidan ao papa León XIV a facer un tramo da ruta no Ano Santo 2027

LugoXa | SarriaXa
A delegación entregou ao Pontífice unha vieira de Sargadelos e un bordón xacobeo durante unha audiencia no Vaticano como símbolo da hospitalidade galega
Camiño-Francés-en-Roma
14 Nov 2025

Unha delegación formada por alcaldes e representantes locais dos once concellos galegos que integran a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés, entre eles o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, e a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, viaxou ao Vaticano para convidar oficialmente ao papa León XIV a peregrinar polo Camiño de Santiago con motivo do próximo Ano Santo 2027.

Durante a audiencia xeral celebrada na Praza de San Pedro, os representantes galegos fixeron entrega ao Pontífice dunha carta formal de invitación, acompañada dunha vieira de Sargadelos e dun bordón xacobeo, dous dos símbolos máis recoñecidos do peregrino e emblemas da hospitalidade galega.

O xesto enmárcase no programa “Almas del Camino”, unha iniciativa que busca difundir os valores universais do itinerario xacobeo e fortalecer os vínculos entre Galicia e o Vaticano. A carta invita ao Papa a percorrer algún dos tramos do Camiño Francés, unha das rutas máis emblemáticas e transitadas do Xacobeo.

Os representantes dos concellos subliñaron que unha eventual visita papal suporía “un gran impulso” para o Ano Santo 2027, no que se prevé unha importante afluencia de peregrinos e visitantes, consolidando así o papel do Camiño como espazo de encontro espiritual, cultural e de fraternidade entre pobos.

⚙ Configurar cookies
0.073317050933838