Representantes do proxecto europeo POST foron recibidos no Concello de Lugo

LugoXa
"Lugo é un exemplo de como se pode combinar o desenvolvemento turístico coa preservación do medio e do benestar da veciñanza", sinalou Miguel Fernández
representantes-do-proxecto-europeo-POST-Lugo
21 May 2025

Representantes do proxecto europeo POST (Policentric and Sustainable Tourism) foron recibidos na Casa Consistorial do Concello de Lugo como parte da visita a Lugo na axenda de traballo de tres días pola provincia, que inclúe reunións técnicas, encontros con actores locais e percorridos por distintos enclaves emblemáticos do territorio.

Esta iniciativa, liderada polo Eixo Atlántico e financiada polo programa INTERREG VI B - Espazo Atlántico, que ten como obxectivo desenvolver un modelo innovador de turismo máis equilibrado, sostible e respectuoso co territorio, está organizada en colaboración co Concello de Lugo, a Deputación Provincial e o Concello de Monforte de Lemos e no proxecto participan entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia

Durante o encontro, o alcalde puxo en valor o papel de Lugo como referente dun turismo que aposta pola calidade fronte á cantidade, pola autenticidade, e polo respecto á identidade e ao patrimonio local. "Lugo é un exemplo de como se pode combinar o desenvolvemento turístico coa preservación do medio e do benestar da veciñanza", sinalou Miguel Fernández.

Ademais, o rexedor desexou ás delegacións participantes unha estadía frutífera na cidade e na provincia, convidándoos a descubrir a riqueza patrimonial e natural do territorio lucense, desde a Muralla romana ata enclaves como o Castro de Viladonga, Samos ou a Ribeira Sacra.

O proxecto POST articúlase ao redor de conceptos como o turismo de autor e o turismo policéntrico, cun enfoque que busca redistribuír os fluxos turísticos cara ao interior e ás zonas menos masificadas, contribuíndo así á cohesión territorial e á loita contra o despoboamento.

Os resultados finais do proxecto POST presentaranse nos vindeiros meses e trasladaranse á Comisión Europea para contribuír ao deseño da futura política de turismo europea, así como ás cidades e entidades do Eixo Atlántico co obxectivo de analizar as potencialidades turísticas específicas de cada zona e valorar como poden implantarse estes novos conceptos de forma adaptada a diferentes realidades, para, posteriormente, trasladalo ao conxunto da Unión Europea.

A definición e identificación da posta en marcha deste modelo de turismo está a ser viabilizada pola Comisión Europea a través do programa Espazo Atlántico.

⚙ Configurar cookies
0.1333110332489