Reservan espazos para persoas con mobilidade reducida no Auditorio Fuxan os Ventos
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a reserva de espazos exclusivos para persoas con mobilidade reducida na sala principal do Auditorio Fuxan os Ventos.
Ferreiro explicou que, ademais da reserva de espazos, a área de Cultura organizará unha xuntanza con colectivos vinculados á accesibilidade, co fin de coñecer de primeira man as necesidades específicas que presenta a nova instalación.
A concelleira destacou a importancia de traballar de maneira colaborativa con asociacións para mellorar e seguir avanzando nas condicións de accesibilidade.
"Apostamos por un Lugo inclusivo, no que todas as persoas poidan desenvolver unha vida o máis normal posible, independentemente das súas capacidades físicas", afirmou Ferreiro.
A concelleira tamén subliñou a relevancia de abordar cuestións clave para toda a veciñanza de Lugo, como a accesibilidade e a perspectiva de xénero, co obxectivo de facer da cidade un lugar máis amable e accesible para todos.