Responsables de Comercio visitan os establecementos da campaña en Lugo dos Días Azuis
O presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas; xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; visitou esta mañá distintos establecementos da capital lucense con motivo da edición 2024 da campaña Días Azuis do Comercio Galego, que se desenrolará dende o 10 e ata o 30 de xuño.
Trátase dunha nova edición (a número 12) desta coñecida e agardada iniciativa comercial, que ten por obxectivo potenciar, fomentar, estimular e impulsar o comercio de proximidade galego; poñendo en valor o seu importante papel económico e social e contribuíndo á súa dinamización.
A principal novidade desta edición é o incremento do importe total e da cantidade dos premios. Así, entre os clientes que merquen durante as datas da campaña nos establecementos minoristas lucenses e rexistren os seus tickets na web www.diasazuis.com, sortearanse un total de 20.000 euros, que estarán distribuídos en 44 tarxetas prepago de 250 euros e 60 tarxetas prepago de 150 euros.
Deste xeito, esta campaña “quere contribuír a fomentar as compras nos establecementos físicos, achegando ó consumidor ás nosas rúas e ás nosas tendas”, sinalou José María Seijas, “co incentivo engadido de poder gañar un dos atractivos premios a sortear e poder volver a mercar no comercio local”. Unha campaña que axuda a consumidores e a comerciantes “nun momento no que o ciclo inflacionista está a repercutir no poder adquisitivo das familias e, como consecuencia, nas vendas no sector”.
Días Azuis do Comercio Galego está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Conta coa colaboración de Abanca, entidade que aporta os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.