Retiran 450 kg de residuos das arquestas da praza de Abastos

LugoXa
Participación lembrou que nos últimos meses se puxo en marcha un servizo de recollida para facilitar a reciclaxe dos restos orgánicos
residuos-praza-abastos
12 sep 2024

A edil de Participación, Cristina López, anunciou que na xornada de hoxe se levou a cabo un operativo especial de limpeza na Praza de Abastos, que finalizou coa extracción de máis de 450 Kg de residuos como cascas, restos de peixe, envoltorios, mallas, plásticos ou etiquetas das arquetas situadas no soto.

Cristina López fixo un chamamento aos distintos praceiros e ás asociacións que din representar os negocios da Praza e do Mercado "para usar as instalacións de xeito responsable, garantindo o benestar tanto dos usuarios como dos negocios que se sitúan aquí". López afirmou que esta "importante cantidade" de residuos estaba a provocar malos olores na Praza, situación que quedou solucionada desde a xornada de hoxe grazas ao traballo dos operarios dependentes da concellería de Medio Ambiente, que estiveron a traballar no soto da praza durante a xornada de hoxe.

A edil de Participación lembrou que os desaugues non deben ser usados como depósito de desfeitos. O Goberno de Lugo puxo en marcha o pasado 24 de maio un servizo de recollida de residuos para os residuos orgánicos, con contedores refrixerados que impide o desprendemento de malos olores e unha xestión responsable e eficaz da reciclaxe. Ademais, a instalación conta con contedores suficientes para a reciclaxe de envoltorios, elementos plásticos e outros residuos.

O novo sistema de recollida de residuos de carnicería e peixería permite realizar unha mellor xestión dos residuos específicos destes sectores e avanzar no bo tratamento dos restos que se xeran nestas instalacións, "reducindo o impacto ambiental de toda a cidade, un dos obxectivos da Tenencia de Alcaldía á hora de planificar o traballo", afirmou Cristina López

0.19965195655823