Retoman a rehabilitación fluvial de Aceña de Olga

LugoXa
“A obra reiniciouse en canto as condicións do caudal permitírono, tras realizarse un seguimento diario desde o mes de maio” explicou Quiroga
obras-muino-de-olga
2 Aug 2025

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, avanza na rehabilitación de Aceña de Olga, no río Miño ao seu paso por Lugo, tras quedar paralizadas as obras en setembro de 2024 debido ao elevado caudal do río. “A obra retomouse en canto as condicións do caudal o permitiron, tras realizarse un seguimento diario dende o mes de maio”, explicou Quiroga.

O escaso marxe temporal dispoñible o pasado ano, condicionado por un curto período de estiaxe e pola necesidade de trasladar os exemplares de náiades, imposta pola Xunta de Galicia, tamén influíu na planificación dos traballos. Este ano, antes da reanudación, completouse o traslado de 1.234 exemplares (754 de Potomida littoralis e 480 de Unio delphinus) dende dúas pequenas zonas adxacentes á área de actuación.

Actualmente, a obra avanza con traballos en paralelo. Completouse a instalación das ataguías que permiten traballar en seco na zona do azud. Ademais, na parte seca do caneiro, canteiros cualificados executan a restauración mediante a técnica tradicional de chapacuña. Esta fase inclúe a reparación dende a marxe leste do río ata o inicio da zona de rotura existente, coa demolición da comporta actual e a súa posterior reposición.

Nos vindeiros días está previsto o inicio das obras de construción da rampla para peixes, deseñada segundo criterios técnicos actuais para facilitar a migración ictícola a través do azud. Esta estrutura permitirá salvar a diferenza de cota entre a parte superior do azud (362,40 m) e o fondo do leito (360,50 m).

O investimento total previsto ascende a 697.591,37 euros, sufragado na súa totalidade pola CHMS.

⚙ Configurar cookies
0.16772603988647