Revísanse os traballos no edificio que será cedido ao Grupo Etnográfico Traxandaina de Lugo

José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta, visitou os traballos de rehabilitación que se están a desenvolver no edificio que a Xunta cederá para uso cultural ao Grupo Etnográfico Traxandaina de Lugo, cumprindo así “co compromiso do Goberno galego para facilitar o desenvolvemento de proxectos que achegan a nosa historia e cultura á sociedade”.
O representante do Executivo autonómico, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, puido coñecer de primeira man como se está a desenvolver a actuación e os distintos espazos nos que nun futuro se asentará a iniciativa desta asociación, coa que hai uns meses López Campos explorou vías de colaboración para a posta en valor da vestimenta e traxes tradicionais que forman parte da historia dos galegos e galegas.
No horizonte desta entidade sen ánimo de lucro que traballa en prol da investigación, conservación e difusión do coñecemento sobre a vestimenta e tradición galegas está recrear o bo facer de xeracións pasadas mantendo viva a tradición e compartindo esta sabedoría a través de varias accións como eventos, exposicións e actividades educativas.