Revolta das Mulleres na Igrexa reclamou diante da Catedral de Lugo unha Igrexa sen abusos nin impunidade

LugoXa
A mobilización silenciosa, celebrada coincidindo co Corpus Christi, esixiu responsabilidades ante os recentes casos de abusos e pediu unha Igrexa máis xusta, segura e igualitaria
Revolta-das-Mulleres-na-Igrexa-Corpus-Lugo
23 Jun 2025

Coincidindo coa procesión do Corpus Christi, varias ducias de mulleres crentes e representantes de colectivos feministas e eclesiais reuníronse en silencio para reclamar medidas concretas contra os abusos na Igrexa diante da Catedral de Lugo.

A acción foi promovida pola Revolta de Mulleres na Igrexa de Galicia e a Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria, co apoio de organizacións como a Plataforma Feminista de Lugo, Irimia, Encrucillada ou o Foro Feminista de Lugo.

A concentración, discreta pero chea de simbolismo, serviu para expresar apoio á menor recentemente afectada por un caso de abusos na Diocese de Lugo e ao seu entorno, pero tamén para denunciar o inmobilismo institucional e esixir unha reforma profunda das estruturas eclesiais.

As participantes defenderon unha Igrexa que enfronte con valentía a realidade dos abusos, que rompa co silencio e actúe desde a transparencia, a xustiza e a protección das vítimas.

Entre as demandas destacaron a apertura inmediata dun proceso canónico no caso da menor, a aplicación das medidas cautelares xa anunciadas pola Diocese, e a implementación da guía Por una vida libre de violencia contra las mujeres en todas as parroquias.

Tamén instaron ao Bispado de Lugo a abrir unha Mesa Diocesana de Diálogo para abordar esta realidade de forma participativa, sen excluír ás mulleres crentes que levan anos traballando por unha Igrexa máis coherente co Evanxeo.

"Non pode haber redención sen verdade nin reparación", afirmaron ao final da acción. Con este xesto, en pleno centro relixioso da cidade, puxeron o foco na necesidade urxente de transformar a Igrexa desde dentro, cunha aposta clara pola dignidade, a igualdade e a fin da impunidade.

⚙ Configurar cookies
0.17191505432129