Ribeira de Piquín celebra as súas festas desde hoxe

O Concello de Ribeira de Piquín prepárase para vivir dúas xornadas cheas de festa, música e gastronomía popular os vindeiros días 1 e 2 de agosto de 2025. O evento, organizado coa colaboración de numerosos negocios locais, promete atraer a veciños e visitantes cunha programación variada para todas as idades.
Hoxe, venres, a partir das 22:00 horas, dará comezo a tradicional troitada e pancetada popular, que será seguida dunha animada verbena co Grupo D’Kriss e o DJ Bombardero, encargados de poñer a música e o ambiente festivo durante a noite.
O sábado 2, as actividades arrancarán ás 14:00 horas cunha sesión vermú a cargo do Grupo Primera Línea. A continuación, celebrarase unha comida popular servida pola Pulpería Suso na área recreativa, onde tamén haberá actividades acuáticas dispoñibles para os asistentes. É necesaria a reserva previa chamando ao teléfono 699 585 709.
Xa pola noite, a festa continuará a partir das 23:00 horas cunha gran verbena protagonizada novamente por Primera Línea e co esperado concerto do recoñecido grupo Ráfaga, que traerá o seu espectáculo dende Arxentina para poñer o broche de ouro ás festas.