Ribeira de Piquín instala 200 trampas para loitar contra a velutina
O Concello da Ribeira de Piquín vén de iniciar a colocación de trampas de elaboración propia para previr a expansión da avespa velutina. Prevén instalar unhas 200 en todo o municipio e mantelas durante os meses de primavera.
É o segundo ano que Ribeira de Piquín leva a cabo esta campaña de trampeo pero, á vista dos resultados acadados o pasado ano, nesta ocasión decidiron adiantar a súa posta en marcha.
"O resultado do ano pasado despois do trampeo foi bo xa que a incidencia das velutinas foi moito menor no verán. Comprobamos que o sistema resultaba máis efectivo que a eliminación dos niños e por iso este ano decidimos adiantar a posta en marcha da campaña e manter as trampas durante os meses da primavera, que é cando se rexistra unha maior expansión desta especie", explica o alcalde, Roberto Fernández.
As trampas, coas que se pretende controlar a poboación de raíñas e evitar que formen novos niños, manteranse instaladas durante uns tres meses e os operarios municipais cambiaranlles o líquido cada semana.
"O problema das velutinas", di o rexedor de Ribeira de Piquín, "afecta sobre todo nas zonas de río, o que no noso caso supón un perigo para os núcleos de poboación da zona pero tamén para as persoas que percorren os roteiros de sendeirismo que temos no municipio".
Desde o Concello animan aos veciños e veciñas a colaborar co "trampeo de primavera" nas súas propiedades, co fin de axudar a controlar a expansión desta especie invasora.