Ribeira de Piquín rematará este ano a renovación do alumeado público
O presidente da Deputación, José Tomé, estivo esta mañá na Ribeira de Piquín onde, acompañado do alcalde e deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, supervisou un conxunto de actuacións e dotacións públicas que foron financiadas pola institución provincial con máis 500.000 euros no municipio.
Así, o responsable provincial interesouse entre outras cuestións polo proceso de renovación de luminarias LED que está a levar a cabo o Concello, e ao que a Deputación destinou preto de 50.000 euros. Este plan supón a substitución das lámpadas existentes por outras de baixo consumo, en todas as parroquias do municipio.
Ata o momento renováronse un total de 400 puntos de luz, o que representa o 80% dos que dispón Ribeira de Piquín, e instaláronse 50 cadros eléctricos. A previsión do Concello, que tamén contemplará no Plan Único 2021 partidas para este fin, é que neste ano queden renovadas o 100% das luminarias. Esta decisión, explicaron, contribuirá a reducir nun 50% a factura da luz, ao mesmo tempo que se logra dotar de puntos lumínicos a zonas do concello que ata o momento carecían dun alumeado de calidade.
José Tomé comprobou tamén o equipamento do centro de día do municipio que, a través do Plan Único 2020, se dotou de distintos electrodomésticos como lavadora, secadora, conxelador, aspiradora e outros aparellos como silla de rodas, por un importe de case 8.000 euros. O presidente provincial lembrou ademais que a Deputación mantén en vigor un convenio de colaboración para contribuír ao correcto funcionamento deste centro repartido en 4 anualidades (2020-2022), destinando cada ano a contía de 30.000 euros.
O centro de día de Ribeira de Piquín atópase pechado a día de hoxe por mor das restricións sanitarias da covid-19, pero ata marzo do ano pasado estaba en pleno funcionamento, chegando a acoller ata unha vintena de usuarios e usuarias.
Tomé acudiu tamén á nave municipal onde o Concello dispón da maquinaria e da ferramenta de titularidade propia. Entre ela, atópanse dous tractores. Un deles mercouse grazas a un convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello a través do que a Deputación destinou 130.000 euros. A maiores, tamén se dispón de remolques, cisterna e diversa ferramenta que utiliza o persoal municipal para a limpeza de vías e accesos, para o mantemento de zonas verdes e espazos públicos e tamén para dar apoio naquelas actuacións que se consideren necesarias.
José Tomé subliñou que estes investimentos da Deputación en Ribeira de Piquín responden ao "compromiso de cooperación da institución cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas públicas aos seus veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivan, o que contribúe a fixar poboación".