Ribeira de Piquín, un modelo de integración para os refuxiados en Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou o traballo por integrar inmigrantes refuxiados que se está a levar a cabo en Ribeira de Piquín
José-Ramón-Besteiro-Ribeira-de-Piquín-con-refuxiados
3 Jan 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou a aula de formación atendida pola ONG Rescate Internacional en Ribeira de Piquín xunto co seu alcalde, o socialista Roberto Fernández, e mantiveron un encontro coa empresa Conelec, onde cinco refuxiados comezarán a traballar este mesmo mes de xaneiro.

Besteiro destacou o traballo por integrar inmigrantes refuxiados que se está a levar a cabo como exemplo positivo do municipio como mostra da “integración real, do que significa ser xenerosos para acoller e integrar” a 51 persoas que chegaron a Galicia “fuxindo do drama de Mali e Senegal”.

Salientou que con esta iniciativa estase atendendo tamén a necesidade de man de obra na parte de Galicia que máis a necesita para combater o despoboamento, como é este municipio lucense de menos de 500 habitantes.

O secretario xeral dos socialistas galegos indicou que o impulso para a acollida e integración social e laboral destes refuxiados responde ao traballo do goberno de España e dos municipios implicados para “abrirlle os brazos aos refuxiados”, que hoxe, dixo, “hoxe son máis galegos que cando chegaron hai catro meses”. Explicou que xa forman parte da forza laboral que precisan as empresas, logo de tan só uns meses de formación, primeiro na lingua e despois adquirindo a capacitación profesional necesaria.

O alcalde da localidade, Roberto Fernández, explicou o traballo do municipio conxuntamente coa ONG e as empresas interesadas para proporcionar a estes mozos a formación que precisan para traballar en sectores como o forestal, a hostalería, a construción ou o eléctrico. Subliñou que se trata dunha iniciativa “distinta e necesaria para os municipios que padecen despoboamento”.

Fernández resaltou que “necesitamos da súa integración para conectar por unha parte a realidade das necesidades dos inmigrantes que chegan nunha situación difícil e pola outra banda das empresas que precisan de man de obra”. Apuntou así á “dobre cara da moeda” da “solidariedade e humanidade” que ademais beneficia a un municipio despoboado que está a formar a medio cento de traballadores nun traballo que beneficiará a toda a comarca.

0.17371797561646