Richi Casás falará de cantareiras este sábado na casa museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
O músico e estudoso da música tradicional interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina
richi-casas
21 Jan 2025

Richi Casás, músico, profesor, estudoso da música tradicional e saxofonista da Banda Xangai, estará este sábado, día 25 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei) para falar do cantar de Rosa e Adolfina, a súa avoa e madriña respectivas, cantareiras en que se personifica, entre outras, o Día das Letras Galegas de 2025, dedicado este ano á poesía popular oral.

Richi interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina, e que recolle no libro-cd Fuliada na vila (2020), editado por Central Folque. Quen quixer, pode traer a súa pandeireta este sábado, para o acompañar nestas composicións.

Rosa e Adolfina foron dúas labregas do concello de Cerceda (A Coruña), que naceron e viviron na Vila da Igrexa. Tiveron sona na contorna por ser boas cantadoras e pandereteiras, e foron requiridas para cantaren nos traballos comunais e nas foliadas. Coas mudanzas acaecidas no medio rural, Rosa emigrou na década de sesenta e non se volveron xuntar até os anos oitenta, recuperando o seu xeito de cantar e tocar con ocasión das celebracións familiares. As súas letras e melodías foron recollidas por Dorothé Schubarth, que gravou e documentou na súa obra Cancioneiro Popular Galego, de que é coautor Antón Santamarina. A musicóloga suíza ficou sorprendida pola variedade das melodías achegadas por Rosa e Adolfina, e pola orixinalidade das súas coplas, algunhas delas únicas no repertorio galego.

Richi Casás criouse entre influencias musicais diversas: a música tradicional presente na súa casa desde sempre da man da súa avoa e a cultura das bandas de música, que coñecía de preto pola experiencia como intérprete de seu avó. A nivel persoal, a súa formación foi heteroxénea, xa que se curtiu como gaiteiro nos torreiros e como músico de orquestra en formacións como Los Satélites, ao tempo que desenvolvía a súa carreira académica como saxofonista no Conservatorio Superior de Música da Coruña, con especialidade de jazz. Integrante na actualidade da banda Xangai e docente no ensino público, percorre hoxe toda Galiza co espectáculo 586 cantos, iniciativa do Museo do Pobo Galego, que homenaxea todo aquel traballo de campo de Dorothe Schubarth.

A actividade deste sábado, que conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

0.1346218585968