Ritmolugo acada 14 ouros no campionato de España de bailes caribeños

LugoXa
O Club Ritmolugo vén de acadar un total de 45 medallas no Campionato de España de Bailes Caribeños celebrado esta fin de semana en Narón.
Ritmolugo campionato españa
27 Xuño 2022

O Club Ritmolugo vén de acadar 45 melladas no Campionato estatal de bailes caribeños celebrado en Narón esta fin de semana. 14 ouros, 16 pratas e 15 bronces que os bailaríns do club levaron para casa.

No campionato desta fin de semana o bailarín internacional e director do club, Jandro Pallares, revalidou o primeiro posto en parellas adulto e en Salsa Shine, en Bachata Shine sobe tamén á primeira posición. Deste modo e tras os resultados na cita nacional, xunto á súa parella, Yolanda Rufino, mantense como número 1 do ránking nacional.

Nas categorías inferiores, a gran medallista da fin de semana foi Alejandra Amaris, que se fixo co ouro en Salsa Shine Dúo (xunto a Carla Lema), Salsa Shine e Bachata Shine, dentro da categoría Júnior, ademais da prata grupal en Caribbean Show Dance Grupo. Malia os éxitos acadados, a lucense non puido disputar o campionato de parellas pola lesión coa que contaba o seu compañeiro.

Na categoría Xuvenil 1, entre individuais e parellas, o club acadou dous ouros e cinco pratas ademáis dunha medalla de bronce destacando o traballo de Alma Díaz, que ela soa sumou un ouro, dúas pratas (xunto á súa parella Yerhai) e un bronce. Tamén tiveron ouro as irmáns Mara e Vera Espino e prata Martina Ortiz.

En Xuvenil 2, houbo medalla de ouro e prata para Andrea Lema, en Salsa Shine e Caribbean Show Dance Grupo, e Yadhira Álvarez quedou subcampioa en Bachata. A estas súmanse dous bronces.

Os Júnior acadaron a prata en Caribbean Show Dance Grupo e o título de campións estatais en parellas de Aitor Castro e Cristina Lago, ademais dos obtidos por Alejandra.

Ademais dos resultados do director da academia, na categoría de adultos, as outras dúas medallas foron para o dúo formado por Uxía Fernández e Lara Carrera, que se fixeron coa prata.

Seguindo con ritmos caribeños, entre os que se atopan Salsa on 2, Merengue, Bachata e Salsa cubana, cabe resaltar a medalla de bronce en parellas Sénior conseguida por Lucía Cabado e Pablo Traseira.

HIP HOP Premium

Esta fin de semana non foi só de ritmos caribeños para o Club Ritmolugo e é que na Categoría Premium de Hip Hop, Bad Mams, conformada por mulleres maiores de 35 anos, acadaba o terceiro posto de baile en Grupo. O equipo está conformado por Margarita Regueiro, Lara Carrera, Uxía Fernández, Belén Rodríguez, Merchi Calo, Olga Suárez, Mónica Vázquez, Natalia Teijeiro, Rosa Porto y Margaret Reilly.

Tamén houbo premios para o club Gravitty, que se fixo coa prata na categoría infantil, o grupo Next Level, e o bronce en youth (Feel It) e absoluta (Big Motion). en júnior foi campión tamén Star Dance cos Firefeathers.

Ritmolugo
0.20020890235901