Roberto Bande asume o decanato de ADE en Lugo

O profesor Roberto Bande tomou posesión como decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do Campus de Lugo, co compromiso de manter unha oferta educativa “atractiva para a sociedade” e aproveitar as sinerxías do Campus Terra.
O acto de toma de posesión foi presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, e coa participación da secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, quen leu o nomeamento de Bande.
Durante o acto, o reitor Antonio López destacou a solidez da oferta académica da facultade e subliñou a importancia da inserción laboral das persoas egresadas como un criterio clave para valorar as titulacións. Así mesmo, sinalou a necesidade de fortalecer a conexión entre os estudos de grao e os de posgrao, axilizando a creación de novos mestrados que respondan ás demandas do mercado laboral e aos retos demográficos.
No ámbito da investigación, López salientou o esforzo do Campus Terra para atraer contratos pre e posdoutorais co fin de consolidar unha carreira investigadora estable en Lugo.
Bande, que liderará o decanato durante os vindeiros seis anos, expresou a súa disposición a colaborar con outros centros do campus para xerar valor e contribuír ao desenvolvemento académico e profesional do estudantado.