Roberto do Pacio pechou a primeira tempada de Media Hora de Poesía na Despensa do Saa

O poeta Roberto do Pacio puxo fin á primeira tempada da Media Hora de Poesía, o ciclo literario organizado na taberna cultural A Despensa do Saa e presentado por Toño Núñez. A sesión contou cunha numerosa asistencia, que encheu o local nunha tarde de verán con calor e versos.
Durante o recital, o autor coruñés recitou poemas da súa obra O cantar das miñocas, deixando palabras “con feridas nas mans, decidido a escoller o sacho”, como di un dos seus versos. O ambiente cálido e o valor simbólico do lugar, cheo de pedra, memoria e beleza, foron destacados polo propio poeta, que agradeceu o acollemento do público.
A despedida non foi un punto final, senón unha pausa. Roberto do Pacio deixou semente para a segunda tempada deste espazo de poesía compartida, que regresará en setembro cun novo calendario de encontros literarios.