Roberto García e Carolina Niño vencen no Trail do Burón da Fonsagrada
A Fonsagrada foi o escenario dunha emocionante xornada deportiva co Trail do Burón, organizado polo Club de Montaña Terras do Burón e o Concello. A proba principal, o Maratón das Seimeiras, percorreu 40 quilómetros cun esixente desnivel de 2.200 metros e contou cunha gran participación, mostrando a forza e a saúde desta cita deportiva.
Na categoría masculina, Roberto García proclamouse vencedor tras completar o percorrido en 3 horas, 45 minutos e 52 segundos. O segundo posto foi para Rubén Diéguez, cun tempo de 3.50.17, mentres que Xenso Laso logrou o terceiro lugar con 3.59.45.
Na categoría feminina, Carolina Niño destacou marcando un tempo de 4.34.09. A seguir chegaron Loreto Rodríguez, segunda con 5.21.16, e María del Rosario Figueroa, que completou o podio cun crono de 5.21.19.
Tamén se celebrou o Trail das Seimeiras, de 30 quilómetros e 1.650 metros de desnivel, onde Alexandre Otero acadou a vitoria con 2.39.06. Rubén Gómez foi segundo con 2.45.07, seguido de Rubén Insua, terceiro cun tempo de 2.46.19. Na categoría feminina, Tamara García destacou con 3.33.32, logrando a primeira posición.
A Andaina de 15 quilómetros completou a xornada, contando tamén cunha alta participación. María Luisa Montiel destacou na categoría feminina cun tempo de 2.10.47, mentres que na masculina o triunfo foi para Elisardo Sánchez cun rexistro de 2.10.48.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou xunto ao alcalde da Fonsagrada e deputado de Medio Ambiente, Carlos López, na entrega de premios desta cita, na que participaron uns 750 deportistas.
Tomé Roca felicitou ás persoas gañadoras e trasladou tamén os parabéns a todos os participantes. “Cada un de vós é un exemplo de esforzo e superación”, sinalou o mandatario provincial.
“Os datos de participación reflicten que este evento segue medrando”, sinalou o presidente, para quen a cita conseguiu asentarse “completamente” no calendario deportivo da provincia. Algo que valorou positivamente porque segundo explicou “repercute positivamente na economía local e na promoción da Fonsagrada e da comarca da Montaña”.
Este evento deportivo, coñecido tamén como o Trail de Inverno, supera o número de participantes respecto ás dúas edicións pasadas nos anos 2023 e 2024, nas que se rexistraron 350 e 700.