Rock, motos e bo ambiente na nova edición do Chicken Run

A estrada Vella de Santiago en Lugo volverá vibrar coa chegada dunha nova edición do Chicken Run, que este ano alcanza a súa novena convocatoria cun cartel cheo de rock, motores e bo ambiente. A cita terá lugar os días venres 30 e sábado 31 de maio no Sin City Bar, espazo xa convertido en templo do motor e da música en directo nesta parte de Galicia.
O encontro, que xa se consolidou como un referente para os amantes das motos e o rock and roll, incluirá dous días de actividades nas que non faltarán os concertos, as exposicións de coches e bicicletas customizadas, unha boa zona de acampada e propostas gastronómicas sobre rodas. A música comezará arredor das 22.00 horas e prolongarase ata entrada a madrugada.
Na noite do venres, o escenario acollerá as actuacións de Anna Dukke e Correcaminos, que prenderán a mecha dunha fin de semana cargada de enerxía. O sábado será a quenda de Perro Futuro, The Mothercrow e Corazones Eléctricos, que porán a banda sonora a unha noite que promete quedar gravada na memoria dos asistentes.
Tamén haberá espazo para a gastronomía sobre rodas coa presenza de food trucks como a Estrambótica Lunch Wagon, que ofrecerá propostas orixinais para acompañar a festa cun bocado na man.
O Chicken Run continúa a medrar ano tras ano, converténdose nun evento imprescindible na axenda cultural e musical luguesa. Un punto de encontro para persoas amantes do motor, do estilo libre e da música potente, onde o ambiente de camaradería e a paixón compartida son os grandes protagonistas.