Román Rodríguez anuncia catro novas actuacións en centros educativos da cidade

LugoXa
A primeira delas, a rehabilitación do Instituto Lucus Augusti, licítase hoxe cun orzamento de case 3,5M€, máis do triple do estimado inicialmente.
23 Dec 2023

A primeira delas, a rehabilitación do Instituto Lucus Augusti, licítase hoxe cun orzamento de case 3,5M€, máis do triple do estimado inicialmente. En 2024 iniciaranse os trámites para obras no CIFP As Mercedes, no Centro de Educación Especial Santa María e no Colexio de Nadela. Están en execución as obras na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, por importe superior a 1M€ e remate previsto para o mes de maio.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou en Lugo a licitación da rehabilitación do Instituto IES Lucus Augusti. “Unha intervención que vai respectar o carácter histórico deste centro, un referente da educación da cidade da Muralla, e que vai redundar nunha mellora da vida diaria de docentes e alumnos”, destacou nunha reunión con directores dos catro centros que se van beneficiar de novas obras o vindeiro ano, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Con estas actuacións, o investimento en centros educativos na cidade de Lugo acada os 15 millóns d eeuros nesta lexislatura.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou o incremento de orzamento que experimentou esta actuación. “Fixemos un proxecto á medida dun edificio protexido e nun contexto de inflación, o que reverteu nunha suba dos custos moi significativa, desde a estimación inicial, inferior a 1M€, ata os case 3,5M€ polos que imos licitar finalmente esta obra”, sinalou.

O representante do Goberno galego adiantou, así mesmo, que en 2024 se iniciarán os trámites de novas obras no CIFP As Mercedes, no Centro de Educación Especial Santa María e no Colexio CEIP Plurilingüe de Nadela, con importes aínda por concretar. Estas actuacións súmanse ao investimento de máis de 24M€ acometido na cidade desde 2009.

Cambio de 242 fiestras

A rehabilitación do IES Lucus Augusti inclúe actuacións en todo o edificio. No que atinxe á eficiencia enerxética, cambiaranse 242 fiestras, colocando unhas novas de madeira, dada a protección do edificio. Así mesmo, instalaranse luminarias equipos de regulación lumínica e equipos de detección de movemento. Tamén se mellorará a estanqueidade da garita, o observatorio, a medianeira e o encontro coa cheminea da caldeira. En planta soto reformaranse os muros existentes baixo os ocos que dan ao patio para incrementar a súa impermeabilidade. A maiores, renovaranse as instalacións de calefacción, electricidade e de telecomunicacións.

Con carácter xeral nos espazos interiores rehabilitaranse todas as portas e tabiques de madeira de castiñeiro, ademais das tarimas orixinais e os frisos da zona nobre. Tamén se substituirán os remates do alfeizar por un mármore máis adecuado ao estilo xeral do edificio. No caso das portas que son dun estilo máis contemporáneo e sen protección patrimonial, mudaranse por unhas de maior resistencia, e pintaranse os paramentos usando cores claros e neutros no interior

Melloras acústicas

A mellora do acondicionamento acústico tamén beneficiará a todas as aulas, nas que se procederá a cambiar os vidros dos ocos interiores por outros con mellores prestacións a nivel acústico. No caso da aula de música e o seu departamento, illaranse para posteriormente realizar un acondicionamento acústico con bafles.

Canto a espazos concretos, acometerase a reforma completa dos baños da zona do aulario, dos laboratorios de planta soto, do salón de actos, da sala de profesores e da sala de reunión. Crearase, así mesmo, un novo almacén auxiliar.

O proxecto de rehabilitación integral inclúe tamén a mellora so sistema antiincendios do instituto e da rede de saneamento. Asemade, en aras dunha maior accesibilidade, construirase unha pequena rampla que salve o desnivel existente na aula de tecnoloxía e modificaranse os espazos que interrompan o paso en escaleiras e ramplas existentes.

Tres novas actuacións en 2024

Os proxectos para as restantes tres actuacións anunciadas hoxe polo conselleiro redactaranse ao longo de 2024 para a súa posterior execución e o seu orzamento está pendente de concretar.

No caso do Centro Integrado de FP CIFP As Mercedes acometerase a renovación da cuberta do edificio antigo, mentres que no Centro de Educación Especial CEE Santa María a previsión é substituír fiestras, instalar un novo ascensor e rampla e reformar os aseos e os pavimentos dos dormitorios.

Finalmente, está previsto realizar unha rehabilitación integrar do antigo Colexio CEIP Manuel Mallo Mallo, actual CEIP Plurilingüe de Nadela.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Román Rodríguez enmarcou todas estas actuacións no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para modernizar os centros educativos ao abeiro do que desenvolveron en Lugo obras tan relevantes como a centra de biomasa da nova mazá educativa (2,2M€), o novo edificio cociñas do Instituto IES Sanxillao (1,8M€), as rehabilitacións integrais dos Institutos IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (1,6M€) e Instituto IES Ánxel Fole (1,4M€) ou o novo edificio de talleres do CIFP Politécnico (1,2M€).

Así mesmo, neste momento está en execución a rehabilitación da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, por importe superior a 1M€ e remate previsto para o mes de maio. Ademais, prevese unha rehabilitación inicial no Colexio CEIP Anexa e a creación do novo Instituto IES Anexa, unha vez se complete o traslado da Facultade de Maxisterio.

0.19498109817505