Román Rodríguez anuncia en Lugo a constitución dos grupos de traballo para reducir a burocracia no sistema educativo
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, salientou ante representantes dos equipos directivos de colexios e institutos da provincia de Lugo que a Xunta se marca como “unha prioridade inmediata” a redución da burocracia no sistema educativo, unha cuestión que se consolidará na nova lexislatura que se iniciará en breve.
Na súa intervención con motivo da apertura do VII Encontro de Cargos Directivos de Lugo sobre formación docente neste eido, o titular de Educación explicou que esta é unha das medidas recollidas no Acordo para a Mellora do Sistema Educativo de Galicia asinado entre a Xunta e tres organizacións sindicais que xa se está desenvolvendo.
Non en balde, xa están constituídos os grupos de traballo encargados de elaborar o plan de simplificación administrativa e redución de burocracia recollido no dito acordo, dando así resposta a unha demanda tanto dos propios centros educativos como das organizacións sindicais. O obxectivo destes grupos é elevar propostas de mellora antes de que remate o curso co obxecto de que se poidan implantar no inicio do seguinte curso2024-25.
Estes grupos de traballo son cinco: de Infantil e Primaria, de Secundaria, de FP, de Ensinanzas de Réxime Especial e un xeral de coordinación dos catro anteriores. Os catro primeiros están conformados cada un por un inspector e catro membros de equipos directivos; mentres que o grupo xeral, coordinado pola Secretaría Xeral Técnica, está formado por representantes da Xunta autonómica de directores, tres representantes dos sindicatos que asinaron o acordo coa Xunta de Galicia e persoal das direccións xerais que teñen competencias neste campo.
Agradecemento ao labor docente
A acción contribuirá ao traballo no día a día dos equipos directivos dos centros que, por definición, “son unha organización complexa que precisa dunha xestión eficaz e eficiente e dunha coordinación técnica e estratéxica”. Tamén aproveitou para agradecer a implicación dos profesionais educativos e o esforzo por unha mellora continua no seu labor nas aulas que se manifesta tamén na asistencia a xornadas de formación como a que se celebra durante toda a xornada de hoxe no Centro Integrado de FP As Mercedes, na cidade da Muralla.
“Hoxe en día faise necesario estar en permanente actualización e mellora, non só coma docentes, senón con capacidade de liderar, xestionar e dirixir equipos par ao éxito escolar”, abondou. Neste senso referiuse, así mesmo, a outras accións da Consellería enfocadas á mellora da calidade educativa e que se centran en aspectos como a inclusión e a atención á diversidade, a xestión sostible dos recursos educativos e a incorporación das ensinanza dixitalizada como un complemento da docencia.