Rosa Crujeiras aposta polo desenvolvemento do Campus de Lugo e a colaboración con instalacións deportivas

A catedrática e candidata á reitoría da USC, a profesora Rosa Crujeiras, reuniuse co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, para expoñer as ideas do seu programa en relación coa cidade e manifestar a clara aposta da súa candidatura polo Campus de Lugo, coa intención de aproveitar as súas potencialidades e singularidades. Na reunión coincidiron en que o desenvolvemento deste campus é clave tanto para a universidade como para a cidade.
Entre outros temas, Rosa Crujeiras trasladou a preocupación polo acceso á vivenda da comunidade universitaria. Desde a universidade apostan pola renovación da cesión da Residencia Bal e Gay, propiedade do Concello, e tamén se prestaron a colaborar activamente no Plan Municipal de Vivenda co fin de garantir que unha parte do parque de vivenda mobilizado no plan se destine ao estudantado e persoal do campus.
Na reunión tamén se destacou a disposición do proxecto de universidade da candidatura de Rosa Crujeiras para impulsar a colaboración no fomento das actividades deportivas da comunidade universitaria e paliar a escaseza de infraestruturas deportivas na cidade. Neste sentido, propoñen vías de colaboración para que o estudantado e persoal da USC poida acceder ás instalacións deportivas municipais, como a piscina de As Pedreiras ou o estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera.