Rosa Crujeiras convértese na primeira reitora da USC nos 500 anos de historia da institución

GaliciaXa | LugoXa
A catedrática de Matemáticas abre unha nova etapa na Universidade de Santiago de Compostela tras unhas eleccións cualificadas como históricas
Rosa-Crujeiras-USC
12 Mar 2026

A catedrática de Matemáticas Rosa Crujeiras fixo historia ao converterse na primeira muller que dirixirá a Universidade de Santiago de Compostela nos seus 500 anos de existencia. Tras coñecerse os resultados dunhas eleccións que a propia institución cualificou como históricas para Galicia, a reitora electa agradeceu a participación da comunidade universitaria nun proceso que, segundo destacou, demostra que a universidade exerce a súa autonomía e decide o camiño que quere tomar nos próximos anos.

Nunha primeira comparecencia tras coñecerse o resultado, Crujeiras trasladou o seu recoñecemento ao estudantado, ao persoal docente e investigador e ao persoal técnico de xestión, administración e servizos da institución. A nova reitora tamén quixo agradecer o traballo do equipo que acompañou a súa candidatura ao longo do proceso electoral e fixo unha mención especial ás profesoras López-Couso, Nogueira e Flores.

Coa vista posta no futuro inmediato, Crujeiras sinalou que se abre agora unha nova etapa para a universidade tanto en Santiago de Compostela como en Lugo. A catedrática incidiu na responsabilidade de dirixir unha institución plural e diversa e subliñou a importancia de defender o papel da universidade pública galega como servizo á sociedade.

Neste sentido, definiu o seu mandato como unha etapa de unidade na que o diálogo, a escoita, a confianza e a corresponsabilidade guiarán a acción de goberno. Segundo explicou, para desenvolver o proxecto será imprescindible contar coa participación de toda a comunidade universitaria.

A nova reitora comprometeuse a exercer un liderado baseado na escoita activa e no traballo rigoroso, apostando por un modelo de xestión sustentado no bo goberno e na transparencia. “Comprométome a servir á nosa universidade e a facer posible que este novo liderado se desenvolva con traballo, rigor e responsabilidade”, afirmou, antes de concluír cunha mensaxe de ilusión colectiva na que animou a fortalecer o sentimento de pertenza á institución nos próximos anos.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, trasladou tamén os seus parabéns a Rosa Crujeiras e ao seu equipo pola súa elección, destacando o carácter histórico do nomeamento. O rexedor sinalou que, ademais de marcar un fito para a universidade, confía en que o seu traballo contribúa a reforzar o papel do Campus de Lugo e a impulsar o desenvolvemento da cidade desde os ámbitos social, económico, educativo e poboacional.

Fernández lembrou ademais o encontro mantido o pasado 4 de febreiro coa nova reitora e parte do seu equipo, no que puido coñecer algunhas das propostas do seu programa para avanzar na internacionalización do Campus de Lugo e reforzar a defensa das súas titulacións.

Durante esa reunión tamén abordaron cuestións nas que o Concello de Lugo mantén un especial interese, como a recuperación do Pazo de Montenegro como sede da Vicerreitoría ou a garantía de continuidade da Escola de Enfermería. O alcalde asegurou que o goberno municipal ofrecerá o seu apoio para que estas iniciativas se materialicen e para que o Campus Terra manteña e mellore o seu nivel de excelencia.

0.11991095542908