Rozas acolleu as demostracións de voo do proxecto Comp4drones

TerraChaXa | LugoXa
O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) acolleu unha xornada de demostracións finais do proxecto europeo Comp4Drones,
demostracion voo rozas
21 Oct 2022

O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) acolleu unha xornada de demostracións finais do proxecto europeo Comp4Drones, que está liderado por Indra e que conta coa participación de 49 empresas, universidades e centros tecnolóxicos de diferentes países europeos. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou que a elección do CIAR é un indicador do papel protagonista do centro como referente en Europa para testar tecnoloxías innovadoras no eido dos sistemas non tripulados.

A xornada, que contou coa participación dos diferentes socios do proxecto Comp4Drones, constituíu unha oportunidade para poñer en valor as capacidades de Galicia no segmento dos sistemas non tripulados e para consolidar o CIAR como infraestrutura tecnolóxica única polo seu tamaño, especialización, equipamento e capacidade de crecemento para ensaios, experimentación e certificación de sistemas non tripulados en España.

Indra é un dos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, onde desenvolveu tecnoloxías cun alto potencial de mercado: o vehículo opcionalmente tripulado Targus, unha embarcación mariña non tripulada e un centro de misión para o control de operacións e recepción, procesado e monitorización de datos de sensores embarcados en plataformas non tripuladas. Ademais, a empresa conta con instalacións propias no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas e está a desenvolver unha infraestrutura U-Space que ampliará as capacidades do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.

A Xunta seleccionou recentemente tres novos socios estratéxicos e tecnolóxicos para o desenvolvemento de programas conxuntos de I+D no Polo Aeroespacial de Galicia. Trátase de Airbus, Telespazio e Babcock -que xa desenvolveu un programa de I+D coa Xunta-, compañías de recoñecida traxectoria internacional no eido aeroespacial. A firma dos acordos de asociación coas tres empresas, que está previsto que se realice nas próximas semanas, suporá o impulso de 40 proxectos de I+D no eido dos sistemas non tripulados e a xeración de máis de 400 empregos de alta cualificación. 

Comp4Drones

Comp4Drones é un proxecto coordinado por Indra e financiado pola Comisión Europea que ten por obxectivo proporcionar un marco de tecnoloxías clave para drons seguros e autónomos. Desenvolveu aplicacións para impulsar o desenvolvemento e implantación dos drons nos eidos do transporte, a construción, a loxística, a inspección, a vixilancia e a agricultura.

Ademais de coordinar o proxecto, Indra lidera o caso de uso e dous demostradores que se levan a cabo para a xestión de transportes co obxectivo de aplicar drons para mellorar a eficiencia, a automatización e o custo da monitorización, o control e o mantemento das operacións de transportes, tanto terrestres como marítimas, e das súas infraestruturas, ofrecendo unha maior flexibilidade e robustez nas solucións e nos servizos.

0.17330288887024