O Concello de Lugo destaca as melloras na rúa Rof Codina con novas beirarrúas

LugoXa
A actuación abrangue 175 metros e inclúe sinalización renovada, paso de peóns e medidas para mellorar a seguridade viaria
obras-asfalto-Rof-Codina-Lugo
12 Sep 2025

O Concello de Lugo subliña o avance das obras na rúa Rof Codina, onde xa se completou a nova beirarrúa de formigón ruleteado. Segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, nos próximos días iniciarase o soterramento das instalacións eléctricas, unha medida que permitirá reducir o impacto visual e mellorar a imaxe desta vía.

Tras este paso, os traballos continuarán coa mellora da capa de rodadura da calzada e coa renovación integral da sinalización viaria. A actuación abrangue un tramo de arredor de 175 metros, entre a Ronda das Fontiñas e a rúa Virxe da Esperanza, dividido en tres zonas diferenciadas.

O proxecto contempla o fresado da calzada, a aplicación dunha nova capa de mestura asfáltica tipo SMA, a mellora da sinalización vertical e horizontal, a instalación de balizas e a reubicación de bolardos, co obxectivo de facilitar o paso de peóns e delimitar correctamente as zonas de estacionamento. Ademais, executarase un novo paso de peóns á altura dos números 35-37, que conectará ambos lados da rúa.

Desde o Concello destacan que se trata dun proxecto sostible, realizado con materiais de calidade e criterios técnicos rigorosos, o que garantirá a súa durabilidade. “Seguimos a actuar nos barrios, dando resposta a reclamacións veciñais históricas e apostando por un modelo de cidade con espazos públicos seguros, funcionais e pensados para a cidadanía”, recalcou o edil Alexandre Penas.

⚙ Configurar cookies
0.17696404457092