Rubén Arroxo: "A peonalización da rúa Milagrosa facilitará un percorrido seguro e accesible"

LugoXa
O proxecto conecta as prazas da Milagrosa e Bretaña, inclúe melloras en abastecemento e drenaxe e supón un investimento de máis de 409.000 euros
peonalizacion-A-Milagrosa-Lugo
29 Aug 2025

O tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, visitou a rúa Milagrosa xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, para comprobar os avances dun proxecto que permitirá completar un corredor peonil entre a praza da Milagrosa e a praza de Bretaña.

Segundo explicou Arroxo, a actuación facilitará un percorrido seguro e accesible para a veciñanza e supón un novo paso para avanzar cara a un modelo de cidade máis sostible.

As obras, que se atopan na súa primeira fase, inclúen a renovación integral da rede de abastecemento de auga, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por fundición dúctil e instalando novas válvulas, bocas de rego e de incendio.

Ademais, para mellorar a drenaxe superficial, colocarase unha liña de rígola en ambas marxes da calzada, que canalizará a auga de escorrentía cara aos sumidoiros conectados á rede de saneamento e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), co obxectivo de reducir o volume de auga que entra no sistema municipal.

O proxecto, adxudicado á empresa Urbaconsa, conta cun investimento de 409.005,80 euros. Arroxo destacou que nos últimos anos a área de Infraestruturas avanzou na transformación urbana da zona norte da cidade con peonalizacións como as das rúas Luis Seoane e Camiño Real, co obxectivo de crear unha rede de espazos para peóns e reforzar o compromiso co modelo de mobilidade sostible.

“O barrio da Milagrosa é xa un punto de encontro e dinamización social e económica, algo que se verá incrementado con este novo proxecto que ampliará este impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal”, concluíu o tenente de alcalde.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

O grupo municipal do PP en Lugo manifestou o seu malestar polo inicio das obras na rúa Milagrosa a só unha semana das festas do barrio, asegurando que recibiu numerosas queixas de veciños e comerciantes afectados. Os populares lembran que a intervención foi adxudicada en abril e consideran que os traballos poderían terse iniciado despois das celebracións para evitar molestias innecesarias.

Desde o PP sinalan que a única explicación para arrincar as obras nestas datas é “a necesidade de Rubén Arroxo de saír en fotos coma se estivese traballando no verán”, criticando que ao tenente de alcalde “impórtalle máis a súa axenda ideolóxica e a súa campaña de imaxe que os veciños da Milagrosa”.

Tamén cuestionan o plan de tráfico asociado á intervención, que, segundo denuncian, xa xerou problemas aos residentes, dificultando incluso o acceso aos garaxes, mentres se amosa permisividade con quen saca proveito da situación. Os populares agardan que, polo menos, o responsable municipal teña en conta a celebración das festas e adopte medidas de seguridade especiais diante da aglomeración de persoas prevista na contorna das obras.

⚙ Configurar cookies
0.072224855422974