Rubén Arroxo agradece as mostras de solidariedade ante as ameazas recibidas nos últimos días
O Portavoz do BNG e Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, transmitiu a todas as persoas, entidades e partidos políticos o seu agradecemento polas mostras de solidaridade recibidas nos últimos días ante as ameazas aparecidas nas redes sociais.
O concelleiro púxose en contacto coa directiva da asociación Lugdunum, que no día de onte emitiu un comunicado anunciando a expulsión dun dos seus socios por emitir as ameazas. “Trátase dun xesto que demostra o sentir da maioría da veciñanza ante este tipo de ameazas por cuestións ideolóxicas”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “estas mensaxes o único que fan é demostrar o carácter antidemocrático de certas persoas, que pensan que as redes sociais serven para xerar odio contra quen non pensa coma elas”.
O Tenente Alcalde de Lugo interpuxo unha denuncia contra estes feitos o pasado xoves, “para que a xustiza faga o seu traballo e actúe contra este tipo de discursos”.